A oposición pedirá á Xunta que compareza como parte nos casos por delitos de LGBTIfobia

O BNG e o PSdeG presentarán senllas iniciativas no próximo pleno da Cámara galega, que dará comezo o 28 de xuño coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGBTI.
Manifestación na Coruña polo asasinato de Samuel Luiz en xullo de 2021 (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Manifestación na Coruña polo asasinato de Samuel Luiz en xullo de 2021 (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O BNG e o PSdeG presentarán senllas iniciativas no próximo pleno da Cámara galega, que dará comezo o 28 de xuño coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGBTI, para instar a Xunta da Galiza a que compareza nos casos de odio contra o colectivo LGTBI.

Así o avanzaron tanto a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez esta terza feira após a reunión da Xunta de Portavoces que fixa a orde do día da sesión plenaria.

"Incremento de delitos de odio"

A deputada nacionalista, Olalla Rodil avisou do "incremento" de delitos de odio por motivación LGBTifóbica. "Segundo os últimos datos dos que dispoñemos, entre 2013 e 2020 rexistráronse polas autoridades máis de 400 delitos de odio no noso país, dos que 130 responden a ataques por orientación sexual ou por identidade de xénero", sinalou Rodil, que lembrou o asasinato na Coruña do mozo Samuel Luiz.

Por iso, avanzou que a súa formación defenderá na sesión unha proposición non de lei a través da que reclamará á Xunta da Galiza que compareza como parte nos casos en que se producen delitos de odio, de acordo con o que tipifica o Código penal, e que o faga, ademais, como se fai noutros asuntos como en materia de violencia machista.

Así mesmo, pediu que se doten de todos os recursos, especialmente os formativos, a todas as persoas e profesionais do ámbito público que interveñen en situacións de LGBTifobia; e reclamou a posta en marcha dun plan de educación afectivo sexual destinado ao ensino obrigatorio para o conxunto do alumnado, adaptado a cada etapa educativa.

Pola súa parte, conforme destacou o socialista Luís Álvarez, o Grupo Parlamentario do PSdeG defenderá outra proposición non de lei na cal pedirá que o Goberno galego comparecer como acusación popular nos casos de asasinatos ou agresións por LGBTifobia.

Luís Álvarez lamentou a "triste realidade de agresións que se seguen producindo" e advertiu tamén de que "hai un número moi elevado de persoas deste colectivo, ao redor de 91%" na Galiza que consideran que "é necesario ocultar a súa orientación sexual cara ao ámbito laboral porque consideran que é un inconveniente".

Neste contexto, o portavoz parlamentario do PSdeG censurou que os orzamentos da Xunta só destinen "21.000 euros, "0,002% do total" a políticas para este colectivo.

Máis en POLÍTICA
Comentarios