A oposición exixe a Feijóo explicacións sobre o probábel financiamento ilegal do PPdeG

A nova de que o PP galego achegou ás contas de Bárcenas uns 21 millóns de pesetas que non foron declarados a Facenda leva a toda a oposición a emprazar a Núñez Feijóo a que dea explicacións
Guillerme Vázquez
photo_camera Guillerme Vázquez

A oposición colle o testemuño da cidadanía e quere explicacións. A nova de que o PP galego achegou ás contas de Bárcenas uns 21 millóns de pesetas que non foron declarados a Facenda, e que estarían relacionados coa trama Gürtel, pon os populares galegos nunha situación máis que complicada. Un escenario no que cómpren as explicacións e aclaracións, de habelas.

Así, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou que Feijóo, presidente do PP galego, "tente desentenderse deste asunto”. Para o nacionalista, o presidente da Xunta debe explicar á sociedade galega o significado desa “Galiza connection” e considerou que toda esta trama só é a punta do iceberg dun sistema “corrompido” porque existen corruptos e quen corrompe e a corrupción só pode ser eliminada cunha “rexeneración democrática a fondo”.

"Luz e taquígrafos"

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Abel Losada, manifestou unha “enorme preocupación” dos socialistas por este “descrédito procedente do Partido Popular tanto a nivel de España como de Galicia” e esixiu ao Presidente Feijóo que “dea a cara”. Losada pediu ao presidente galego que “ese discurso de luz e taquígrafos que sempre fai, se materialice en explicarlle aos galegos e ás galegas o papel do PP nunhas actividades presuntamente delictivas”.

Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), por boca do seu deputado Juan Fajardo, exixíu unha investigación "a fondo" e que se tomen as medidas oportunas porque á vista das últimas novas, aponta con ironía, "hai que ver se o PP é legal".

Tamén desde Compromiso por Galicia se pronunciaron a este respeito. A formación galeguista insta a Feijóo a dar unha rolda de prensa con “luz e taquígrafos” e que aclare se el sabía algo “deste método irregular de pago”, e, no caso de non facelo, fica claro, segundo Compromiso, “que o PP é unha auténtica mafia”.


Comentarios