O Parlament de Catalunya aproba a Lei de consultas por ampla maioría

A Cámara lexislativa deu luz verde ao instrumento xurídico que dará cobertura legal ao referendo do  9 de Novembro.

Votación Parlament

Con 106 votos a favor e tan só 28 en contra o Parlament de Catalunya aprobou esta sexta feira (18 de setembro) a Lei de consultas que derá cobertura legal ao referendo do vindeiro 9 de novembro. 

CiU, ERC, CUP, ICV, PSC e o deputado non adscrito Joan Ignasi Elena apoiaron co seu sufraxio este instrumento legal. En fronte, @s 28 parlamentares do Partido Popular e Ciutadans. 

Ás portas do Parlament concentráronse centos de persoas convocadas pola Assemblea Nacional Catalana para transmitir o apoio popular á convocatoria do referendo de autodeterminación e á aprobación da nova lei. 

A norma aprobada desprega as competencias exclusivas recollidas no Estatut catalán en materia de consultas e participación social. Neste senso, a lei regula o procedemento de convocatoria de consultas non referendarias e outros sistemas de participación.

Imaxe @vplana_catradio

Así é que o texto legal capacita ao Govern da Generalitat a convocar consultas de ámbito nacional ou local e tamén sectorial para aqueles asuntos referidos ás competencias da institución. 

Através desta fórmula o obxectivo das forzas independentistas é regatear os atrancos xurídicos do marco español que reserva para o Goberno central a competencia exclusiva á hora de convocar referendos. 

Segundo a imprensa española, o executivo de Mariano Rajoy xa ten todo preparado para recorrer perante o Tribunal Constitucional a propia lei de consultas mais tamén, o decreto de convocatoria do referendo que podería asinar o president da Generalitat, Artur Mas, nos vindeiros días. 

As forzas unionistas, a comezar polo Partido Popular de Alicia Sánchez Camacho, tildou o texto lexislativo aprobado como "ilegal" e aseguran que o "Goberno de España vai garantir que se cumpra o Estado de Dereito". 

Imaxe capa: Vilaweb.cat

Máis en Països Catalans
Comentarios