Iniciativa, contraria a que a pregunta do referendo sexa independencia si ou non

A formación política comunicou ás direccións de CiU e ERC, segundo recolle El País, o seu desacordo con que a consulta pregunte tan só pola independencia. ICV advogaría por preguntar ao pobo catalán se quer mudar ou non o actual modelo de relacións. 

Joan Herrera, secretario de ICV [Imaxe: ICV]
photo_camera Joan Herrera, secretario de ICV [Imaxe: ICV]

Segundo o diario El País, tan só ERC --e as CUP-- apostaría de maneira clara en que a pregunta sexa dicotómica e inquira ao pobo catalán a respeito da independencia. "Está a favor da independencia de Catalunya si ou non?", chegou a formular o portavoz de ERC no Congreso español, Alfred Bosch como unha posíbel pregunta. 

Para @s republican@s, non caben ambigüidades. "A consulta", asegurou Oriol Junqueras, "debe ser clara e a resposta directa". No entanto, algunhas das formacións con representación parlamentar non ven con bos ollos que o referendo inste @s catalás a se posicionaren a favor ou en contra dunha Catalunya independente. 

Para Iniciativa, a independencia é só "unha posibilidade"

Neste senso, ICV tería amosado ás direccións políticas de CiU e ERC o seu desacordo con tal formulación. A formación asegura --de acordo coa información feita pública por El País-- que non aceptará unha pregunta que contemple unicamente a independencia se non se inquire tamén por outras fórmulas, entre elas, a posibilidade de Catalunya continuar a facer parte do Estado español.

ICV aposta en que a consulta contemple todas as posíbeis fórmulas de relación entre Catalunya e o Estado

"O PP quere levarnos ao unilateralismo e non debemos caer niso", din desde ICV que, aliás, tampouco tería présa por que o referendo se convoque --como exixe ERC-- o vindeiro 2014.  

Iniciativa, que ao longo deste tempo apoiou a convocatoria dunha consulta popular, xa se amosou refractaria á independencia no Congreso español. No debate dunha PNL presentada conxuntamente por BNG, ERC e Amaiur, o seu portavoz, Joan Coscubiela --integrado no grupo da Izquierda Plural-- declinou apoiar a proposta das devanditas formacións ao interpretar que identificaba mecanicamente o dereito de autodeterminación coa independencia como única fórmula en que ese dereito se poda materializar.

Unió quer que a consulta recolla a 'terceira vía'

Así, ICV pularía por unha pregunta que contemple outras posíbeis formulacións nas relacións entre Catalunya e o Estado. 

Unió defende que a pregunta recolla a 'terceira vía' defendida por Duran i Lleida

Ao igual que Iniciativa, Unió tampouco estaría a favor da pregunta proposta por ERC e mesmo procuraría --di El País-- presionar Convergència para que a redacción final da consulta pregunte por unha Catalunya "con soberanía plena". Esta ambigüidade visaría recoller a terceira vía defendida por Duran i Lleida se ben CDC aínda non se pronunciou ao respeito. Porén, Artur Mas mantén a súa aposta na configuración "dun novo estado en Europa". 

A formación liderada por Duran i Lleida estase a constituír nun aliado da estratexia do Goberno español que procura abrir unha fenda entre as formacións independentistas e mesmo insta a que Unió persuada o presidente da Generalitat a prol dun cambio de rumo na política soberanista. 

Máis en Països Catalans
Comentarios