SEMANA DECISIVA PARA GARANTIR A CONSULTA

Catalunya agarda coñecer esta semana a decisión definitiva arredor do 9-N

Os prazos apúranse para que o proceso remate definitivamente na consulta do 9-N. Hai unha enorme tensión entre as forzas políticas e moita incerteza. 

Representantes do bloque soberanista
photo_camera Representantes do bloque soberanista

Fican menos de catro semanas para a data sinalada para a consulta independentista e os prazos apúranse en Catalunya cara á loxística precisa para o seu correcto desenvolvemento. Quer os partidos favorábeis á consulta quer a propia Generalitat entenden que esta semana que hoxe comeza é decisiva á hora de garantir o proceso e os prazos temporais comezan a acurtarse para conseguir que podan votar todas as persoas con dereito. Esta mesma tarde, representantes das organizacións pro-consulta mantiñan unha xuntanza no Palau de Pedralbes. 

Segundo informa Vilaweb, os expertos sinalan que entre o 15 e o 20 de outubro, nesta mesma semana, tería que estar publicado o censo e sorteados os membros das mesas electorais, procedementos que van con retraso a respecto das previsións do propio decreto da convocatoria.

"Os partidos teñen que entender que o adversario non está en Catalunya, senón fóra, é o estado español" (Artur Mas)

Alargouse xa o prazo para o rexistro de estranxeiros residentes en Catalunya que desexan votar e para que solicitaran o voto os cataláns e as catalás residentes no exterior, así como a comunicación d@s persoas que levarán a coordinación municipal da consulta e os locais electorais. Estes requisitos son fundamentais para definir o corpo electoral e o tempo apremia para a súa confirmación. O goberno argumenta o retraso na publicación pola posíbel denuncia de vulneración da lei de protección de datos ao estar a consulta suspendida polo Tribunal Constitucional. 

O adversario está fóra

O tempo fai xa difícil o rexistro previo e voluntario de votantes polo que a Generalitat está agora a estudar a posibilidade de rexistro o propio día da consulta, antes da votación. Agárdase, de todas maneiras, que esta semana se desenvolvan diversas xuntanzas para adiantar os aspectos loxísticos que garantan a seguridade do proceso. 

Tanto ERC como ICV-EUiA e a CUP están a enviar mensaxes a Artur Mas para que aclare os termos da consulta para superar as trabas legais do goberno español. A resposta do presidente da Generalitat foi unha chamada á unidade de acción das distintas organizacións favorábeis á consulta nunha semana que todo o mundo considera decisiva. “Os partidos teñen que entender que o adversario non está en Catalunya, senón fóra, é o estado español. Nesta hora decisiva, os partidos teñen que decidir si son parte da solución ou parte do problema”, afirmou esta fin de semana Mas, para responder a calquera disensión que puidera haber no bloque soberanista. O presidente de ERC, Oriol Junqueras, pola súa parte, defendeu a unidade e o compromiso cara ao 9N, malia recoñecer que hai motivos para a preocupación, manifestou sentirse esperanzado. 

Máis en Països Catalans
Comentarios