HELENA DOMINGUEZ, XORNALISTA

'Servimos de ponte entre a cultura galega e a catalá'

Helena Domínguez traballou e colaborou en varios medios de comunicación galegos (Vieiros, A Nosa Terra, Radio Galega) e tamén en gabinetes de prensa privados en Barcelona. Dirixe desde outubro de 2005 a publicación 'A Micro Pechado', voceiro da asociación de Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, ERGAC é algo máis que unha publicación asociativa.

Como definirías A Micro Pechado (AMP)
É unha publicación galega que se fai en Catalunya con perspectiva catalá. Ten dous obxectivos fundamentais: cubrir a actualidade da comunidade galega en Catalunya e outra servir de ponte entre as dúas culturas. Interésanos todo o que teña que ver con Catalunya que se desenvolva na Galiza e todo o que teña que ver con Galiza que se desenvolva en Catalunya, sobre todo a nivel cultural.
Mais hai outras publicacións galegas en Catalunya...
Ningunha. Só as dos centros galegos que agora tamén están mal porque o papel é caro, estamos en crise, e case ningunha entidade galega en Catalunya mantén unha publicación con periodicidade regular. Coido que a única é a de Cornellà con Lúa nova que é anual e o Centro Galego que retomou Alborada. Mais son publicacións internas de cada entidade. Falan das actividades que fixo o centro, as fotos... e A Micro Pechado pretende ser unha publicación de información xeral que sae cada dous meses.
En A Micro Pechado escribiu xente moi diversa?
Sempre tivo cabida toda a intelectualidade galega en Catalunya, como Basilio Losada, Helena González, Camilo Valdehorras, Xosé Aviñoa... xente sobre todo vencellada á universidade.

'A Micro Pechado pretende ser unha publicación de información xeral que sae cada dous meses'

Como se relacionan os programas de radio e a publicación escrita?
A principal sinerxia prodúcese cando hai concertos e espectáculos. Imos gravar entrevistas para a radio que logo se aproveitan para o AMP. Tamén serve para darlle cohesión aos programas. Actualmente só hai un mais cando hai varios o nexo de unión é a propia publicación. Nela informamos dos horarios e seccións. É unha canle de comunicación de ERGAC cara a fóra mais tamén de xeito interno. Hai que ter en conta que somos un colectivo de xente que traballa en rede. Non temos unha sede, un local. Neste sentido o AMP funciona como plataforma de cohesión.
A Xunta ten en conta a vosa achega de difusión do país en Catalunya?
As liñas de axudas da Xunta que hai no noso caso son a través da Secretaría xeral de emigración e nós, realmente, o máis apropiado sería que estivesemos en contacto coa Dirección xeral de política lingüística ou a consellaría de Cultura. En Emigración promociónase a axuda social, sobre todo en América. ERGAC e o AMP quedou sempre un pouco á marxe. Aínda así durante o goberno anterior da Xunta había un premio especial para medios de comunicación galegos do exterior, unha liña específica; dela conseguimos uns fondos dos cales aínda hoxe tiramos.

Máis en Països Catalans
Comentarios