Pancartas e sacas: a urxencia de recuperar a memoria do nacionalismo

O caderno 'Coñecer' achega información sobre unhas sacas "que agora vemos colgadas ao ar despois de ser lavadas e preparadas para lles sacar o mofo e as humidades do tempo, e que eran as pancartas que as mozas e mozos da AN-PG utilizamos nos anos 1975-76 na campaña Pola liberdade das presas e presos políticos nacionalistas que foran encarcerados en 1975 despois do asasinato de Moncho Reboiras".
As pancartas nacionalistas reconvertidas en sacas (Foto: Nós Diario).
photo_camera As pancartas nacionalistas reconvertidas en sacas (Foto: Nós Diario).

Afonso Campos, o cronista popular de Sober e terras de Lemos, grande observador e coñecedor das lendas, contos e artes populares da contorna, envioume varias fotos das cales recollo estas dúas que aquí aparecen, contando a historia que deseguido vos expoño.

Esas sacas que agora vemos colgadas ao ar despois de ser lavadas e preparadas para lles sacar o mofo e as humidades do tempo son pancartas que as mozas e mozos da AN-PG utilizamos nos anos 1975-76 na campaña Pola liberdade das presas e presos políticos nacionalistas que foran encarcerados en 1975 despois do asasinato de Moncho Reboiras. Colgabámolas en lugares públicos ben visíbeis co obxectivo de que a xente coñecese o conflito e apoiase a campaña para liberar a Marisa e os outros tres compañeiros naqueles tempos difíciles de clandestinidade e medo. 

Afonso conta que estas sacas apareceron hai uns días nunha casa moi coñecida de Sober, chamada a casa do Falagueiro, e que a súa ama, a señora Xosefa Rodríguez, outra contadora fabulosa que tristemente acabamos de perder, díxolle que cando nós as poñiamos, un policía recollíaas axiña e ficaba con elas na casa. A súa muller, con ese sentido práctico que a xente popular ten de aproveitar os obxectos para outros usos posíbeis, agora, o inmediato que se nos ocorre é ir mercalos ao centro comercial, ideou, dada a calidade da tea e supoño que a cor, o converter as pancartas en sacas coa fin de gardar/levar a fariña ao muíño. A conversión, non cabe dúbida, tamén tivo o seu esforzo e traballo, pois a señora acabou por conseguir non só unhas fermosas, útiles e competentes sacas senón tamén unha auténtica obra de arte pois as consignas políticas, así, remataron por ilustrar con gran beleza unhas sacas dedicadas a transportar a fariña. 

(Podes ler o artigo íntegro de 'Pancartas e sacas: a urxencia de recuperar a memoria do nacionalismo'  no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, reflexionamos sobre a Xeración Nós;  Xoán Carlos Garrido Couceiro e o historiador Xavier Moure Salgado deixan as súas opinións nas seccións 'herdo' e 'Pé a terra', e Rafael Quintiá Pereira, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios