...and all that jazz

Rosalía 21 / Abe Rábade / 2008 / Falcatruada / 11 pistas / Dixital, físico descatalogado.
Detalle de 'Rosalía 21' de Abe Rábade.
Detalle de 'Rosalía 21' de Abe Rábade.

Jazz. Quen saiba, entenderá. E quen non saiba, tamén rematará entendendo a base de escoitar. Non é ningún segredo que nesta columna somos uns "locos del jazz", como dicía aquel profesor uruguaio. É inevitable.

Comeza forte, cunha musicalización do clásico "A Xustiza Pola Man" que transmite as mesmas sensacións que John Coltrane no seu "My Favourite Things", onde colle unha icona da cultura popular americana e expándea a través da linguaxe do jazz. Haberá algo máis popular que Rosalía?

Segue "Padrón, Padrón, Santa María, Lestrove", unha proposta máis minimalista na que un contrabaixo e os poderosos versos da poeta abondan para provocar esas cóxegas cardíacas que todo melómano procura. Estes temas iniciais, se ben introducen o concepto e os trazos estilísticos do álbum, apenas nos preparan para a subversión que fan ao coordinar a melodía co recitado en "Cada Noite Eu Chorando Pensaba": resulta tan hipnótica como maxistral. A continuación, golpea un dos pesos pesados do álbum, "Negra Sombra". Obviamente.

Lonxe de interpretacións actuais, máis bombásticas e choromicas, aquí ofrécese unha versión moi atrevida no musical, pero cun ton profundamente melancólico e persoal. A pesar duns ventos que se asoman ao arabesco e un piano xa completamente desatado, a voz conserva o protagonismo que merece, creando unha mestura perfecta que non para de sorprender en cada xiro, respectando esa estrutura de pregunta-resposta característica do jazz improvisado dentro dunha composición fluída e holística. Fantástico.

A viaxe continua nos "Altares do Silencio", onde retorna a palabra recitada, pero só brevemente e para deixar paso a unha tolemia avant garde que se mergulla por momentos na psicodelia e o acid jazz nunha combinación sublime de saxo tenor e piano. Logo da tormenta, a calma, unha voz de muller. Rosalía quere dicirnos algo, sobra a música. Intercálase outro asalto aos estándares na xenial "Tembra un Neno" para dar paso á lapidaria "Miña Santiña".

Durante todo o álbum vanse alternando as voces de Guadi Galego cantando e Anxo Angueira recitando, mais nesta "Alborada" por fin coinciden nunha explosión de tradición e modernidade mentres o saxo tenor vólvese gaita, formalizando así o casamento entre os dous estilos. Sempre me preguntei en que se transformaría a música tradicional galega se tivese unha evolución semellante á que se deu en USA durante os anos 20. Esta é unha das respostas.

Finaliza o disco Anxo cunha lectura do prólogo de "Cantares Gallegos". Sobran as palabras.

Comentarios