Morre Mandela

Nelson Mandela morreu con 95 anos esta quinta feira na súa residencia de Johannesburgo. O mundo despide unha das persoalidades políticas anti-imperialistas e da loita anti-racista máis importantes do século XX. 27 anos da súa vida pasounos en prisión. 

Nelson Mandela
photo_camera Nelson Mandela

“A nación perdeu o seu maior fillo”, dixo o presidente Jacob Zuma para o anunciar o falecemento de Nelson Mandela, primeiro presidente negro da África do Sur ao que se lle renderá tributo cun funeral de Estado. 

O mundo despide o grande líder contra o apartheid, o heroe admirado que loitou polos dereitos políticos, sociais e económicos contra a discriminación da maioría negra á que pertencía. Acusado de traición e conspiración, a Nelson Mandela a loita contra o apartheid custoulle 27 anos da súa vida en prisión. A cambio, o líder negro gañaríase a admiración de todos e todas os que confiaban nun mundo no que a igualdade e a non discriminación se impuxesen. Mandela saíu de prisión con 72 anos e unha multitude agardaba o seu encontro co mundo, aclamando ao que, para sempre, sería o maior líder dos dereitos sociais. En 1993, Nelson Mandela foi galardoado co Premio Nóbel da Paz. 

Nelson Rolihlahla Mandela está considerado, sen dúbida, como un dos maiores líderes morais, sociais e políticos da historia contemporanea. 

As primeiras consecuencias da loita na que se mantería toda a vida chegarían no seu tempo de estudante, cando na Universidade de Fort Here foi expulsado pola súa actividade no movemento estudantil. Comezaba aí a semente da súa longa vida revolucionaria que tería na loita contra o apartheid o cerne da oposición a todas as desigualdades.

Ideas polas que morrer

O xuízo contra Mandela é un dos episodios que construíron a súa condición de heroe, cando o líder surafricano negou algunhas das acusacións mais afirmouse na súa loita polos dereitos humanos, a liberdade e a igualdade nun discurso de catro horas que se tornou xa histórico. “Durante a miña vida, dediqueima a esa loita do pobo africano. Loitei contra a dominación branca, loitei contra a dominación negra. Animei o ideal dunha sociedade libre e democrática na que as persoas vivan xuntas en harmonía e con oportunidades iguais. É un ideal para o que espero vivir e realizar. Mais, se fora preciso, é un ideal polo que estou disposto a morrer”. 

Nesa maneira que el tiña de non negociar cos seus ideais, Mandela rexeitou en 1985 a liberdade condicional que o goberno lle ofrecía e só saiu liberado o 11 de febreiro de 1990, cando tiña 71 anos, 27 deles pasados detrás dentro do cárcere. Mandela converteuse en presidente despois do abultado trunfo do Congreso Nacional Africano en 1994 nas primeiras eleccións multirraciais que tiveron lugar en 1994. No ano seguinte, sería xa aprobada unha nova Constitución e tamén a creación dunha comisión oficial para investigar os crimes e a represión do apertheid. Mandela sería presidente até 1999 mais o seu relevante papel social continuaría até cumprir os 85, data na que se retiraría da vida pública. Coa súa biografía, Nelson Mandela gañou a condición de exemplo da loita por uns ideais de xustiza e da dignidade na defensa da igualdade e a xustiza. 

 

Máis en Mundo
Comentarios