Malia a subida da prima de risco, Rajoy confía en que os resultados gregos traian estabilidade

Chega o día despois e con el as reaccións políticas aos resultados electorais en Grecia. Mentres PP e PSOE saúdan a vitoria conservadora a prol das políticas de austeridade, as eleccións gregas traen outra lectura ben distinta: a consolidación da esquerda representada por Syriza.

Alexis Tsipras, líder de Syriza.
photo_camera Alexis Tsipras, líder de Syriza.

“Os resultados de Grecia consolidan o estatus quo para crear un goberno de coalición artificial... máis a subida da esquerda que representa Syriza debia facer pensar a moitos”. Así se pronunciou a euordeputada nacionalista Ana Miranda respecto aos resultados das eleccións gregas. Trala xornada electoral en Grecia, chega o día despois e con el as reaccións políticas aos resultados na península helénica. A UE respira xa tranquila despois da vitoria de Nova Democracia, porque con ela teñen por seguro o apoio ás políticas da troika. "O importante é manter o grao de compromiso coas reformas -sinalou o voceiro de Asuntos Económicos da UE, Amadeus Altafaj- Agora o que esperamos é que se forme Goberno o antes posíbel porque é urxente que Grecia poña en marcha as reformas, que sufriron un parón nestas últimas semanas”, engadiu.  Gañadora a súa opción, a UE non perde tempo en premer ao país helénico para que apure a formación de goberno. Cando o faga, agárdalle unha nova visita da troika.

Rajoy tamén amosou a súa satisfacción pola vitoria do conservador Antonis Samaras. “Os gregos acertaron e é unha moi boa noticia para España”, afirmou. Para o popular, a decisión grega é o preámbulo da estabilidade económica, e non dubida de que terá efectos positivos para o estado español. Porén, as súas prediccións, coa prima de risco nos 570 puntos nesta segunda feira, non están, de momento, a cumprirse.

Tamén o PSOE deu a ver a súa compracencia coa vitoria conservadora e a súa confianza en que contribúa a traer estabilidade á zona euro. O PSOE agarda que os resultados contribúan á conformación dun goberno estábel (que requirirá da alianza entre Nova Democracia e os socialistas Pasok) e comprometido ademais coa continuidade da moeda única europea.

Mais non é esta a única lectura que ofrecen os datos extraídos das urnas. Malia a que os principais xornais estatais non disimulan o seu alivio en grandes titulares por ese 30% de votos obtido polo conservador Antoni Samaras, o certo é que a noticia ten outros titulares posibles e non menos importantes: Syriza sobe en votos convértese no segundo partido máis votado, co 26,4% dos votos, e con el ponse de evidencia o rexeitamento de boa parte da poboación grega ás políticas de austeridade.

O eurodeputado de Izquierda Unida, Willy Meyer, felicitou xa a Syriza por ser a segunda forza máis votada e liderar a esquerda, o que para el supón un impulso para “a esquerda transformadora e inconformista de toda Europa” e unha chamada de atención ás “condicións que a dereita política e económica europea trata de impoñer ao resto dos Estados con problemas, incluído España”.

Máis en Mundo
Comentarios