Unha gala para levar alegría ao pobo palestino asediado

En xaneiro do próximo ano, Pallasos en Rebeldía volverán facer rir un pobo asediado coa segunda edición do Festiclown Palestina, que se desenvolverá, desta volta, nos campos de refuxiados do Líbano. Para apoiar a acción chaman a participar esta quinta feira na gala de apoio que un grupo de artistas ofrecerán en Compostela. 

.
photo_camera .

Mago Teto, Camilo Franco, Sergio Pazos, Najla Shami, Luís Iglesia e Xabier Deive, Evaristo Calvo e Mónica de Nut serán os artistas que participen na gala que será presentada pola compañía oficial do Festiclown 'Os Sete Magníficos máis Un- e terá lugar o xoves ás 21 horas no salón de actos do hotel Araguaney. A gala foi presentada por representantes de Pallasos en Rebeldía, Festiclown, BDS Galiza ademais do Mago Teto e Camilo Franco, dous dos artistas convidados. A gala solidaria en favor do Festiclown Palestina celebrarase esta  quinta feira no salón de actos do Hotel Araguaney. As entradas están xa á venda na Libraría Couceiro, chamando ao 981582836 ou escribindo a [email protected]. Pódese tamén colaborar coa iniciativa iniciativa a través desta páxina de microfinanciamento http://www.verkami.com/projects/7435-festiclown-palestina-en-el-libano-2014 con aportacións económicas de apoio ao Festiclown Palestina. 

En xaneiro, unha equipa de Pallasos en Rebeldía viaxará ao Líbano e desenvolverá o segundo Festiclown en catro campos de refuxiados palestinos. “Achegarémonos á xente que está desprazada en campos e o noso obxectivo é que a risa e a arte que se fai en torno ao circo, á música e ao clown chegue en forma de caravana. Queremos canalizar a sensibilidade pola xente que está a sufrir e levarlle ánimo coa nosa risa”, comenta Manuel Roxo, de Pallasos en Rebeldía. 

En 2011, o Festiclown Palestina desenvolveuse en territorios ocupados mais as dificultades son moitas e xa daquela o director do festival, Iván Prado, fora expulsado e puxera en perigo o desenvolvemento da acción. “Chegar a eses territorios con estruturas de aéreos, poño por caso, convértese nunha odisea, cun desgaste inmenso. Nos campos de refuxiados temos persoas que nos están a facilitar a xestión”, explica sobre unha das razón de ir, desta volta, aos campos. De todas maneiras, o balance da primeira edición na que 40 persoas se desprazaron a territorios ocupados para ofrecer o seu espectáculo ao pobo palestino é, ao seu ver, “extraordinario e emocionante”. “Foi un grande éxito para nós e agora repetimos nos campos porque alí tamén atopamos a necesidade básica de rir”, sinala Roxo. 

Mil brazos que abrazan

“O Festiclown ten que continuar e cremos nel como nun colectivo do que saen mil brazos de xente”, sinala o organizador, que conta con que a gala sexa anticipo da solidariedade e o apoio cunha proposta que se financia coa vontade da organización e mesmo co peto dos propios artistas. 

“A situación que se vive alá é moi dura, inhumana, e non podemos darlle a espalda. Goliath pisotea a David cada día e desde hai moitos anos. Os campos son zonas asediadas, empobrecidas, coas necesidades básicas sen cubrir, que devecen porque chegue unha troupe de tolos cos seus coloríns e a súa alegría. Precisan da forza e a enerxía que ten o circo”, anota Manuel Roxo, aínda lembrando a cálida acollida de 2011.

Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente da Fundación Araguaney, afirmou na presentación da gala  que a situación actual de Palestina precisa da atención internacional e defendeu “a importancia de que non se esqueza o conflito”.  Camilo Franco, un dos creadores que van estar na gala, defendeu o riso como arma de transformación ao igual que Mago Teto, convencido da relevancia que ten que unha delegación de pallasos leven a alegría aos campos de refuxiados. 


Por BDS Galiza, Elvira Souto sinalou que proxectos como Festiclown “son tan eficaces e necesarios”, non só pola propia experiencia co pobo palestino senón tamén polo traballo de concienciación que se desenvolve arredor da súa causa, na que se atopa tamén a campaña desenvolvida pola súa organización.

 

Máis en Mundo
Comentarios