ESTADO

Cascos e Arenas recoñecen a existencia de “descontrol” no financiamento do PP

Os antigos secretarios xerais do PP ofreceron unha declaración ante o xuíz con aspecto de ter sido pactada entre ambos e na que de forma continuada dixeron non lembrar cuestións de gran relevancia.

Os ex secretarios xerais do PP estatal Francisco Álvarez Cascos e Javier Arenas negaron na súa declaración como testemuñas na Audiencia Nacional ter cobrado sobresoldos da chamada contabilidade B do partido -que o caso Bárcenas fixo pública- aínda que admitiron, segundo fontes presentes na declaración, a inexistencia de protocolo algún respecto das doazóns recibidas pola formación, cuxo control atribuíron de forma absoluta ao tesoureiro, polo que, malia existir unha lexislación ao respecto, con ese asumido descontrol queda a porta aberta a que se probe un financiamento ilegal do PP, que podería afectar tamén ao PP galego mesmo con Alberto Núñez Feijóo á fronte.

Álvarez Cascos estivo dúas horas declarando ante o xuíz Ruz e Arenas permaneceu unha hora e media. Segundo os avogados da acusación presentes nas súas comparecencias, a frase máis repetida por ambos foi a de “non lembro” e ningún negou o cobro de soldos de forma tallante, senón utilizando fórmulas como “non teño constancia”. O semellante das súas declaracións fai pensar que foron pactadas por ambos con anterioridade malia que Cascos xa non pertence ao PP, que abandonou por diferenzas persoais para crear Foro Asturias.

Javier Arenas tamén recoñeceu a súa presenza na reunión de marzo de 2010 con Rajoy, Bárcenas e a súa esposa, aínda que dela só recorda que se falou de que o antigo tesoureiro mantivese o seu despacho en Xénova e o coche do partido, sen lembrar que se falase do cobro de soldos. Daquela o ex tesoureiro -actualmente na cadea- xa estaba implicado no caso Gürtel e o PP defendía publicamente que xa non tiña ningunha relación con el malia que non era así.

Máis en Mundo
Comentarios