MENTRES PARíS EXTREMA A SEGURIDADE

Bruxelas mantén o máximo nivel de alerta e fecha os centros de ensino

O gabinete de crise constituído en Bélxica a raíz das supostas informacións dos servizos de intelixencia do país sobre un inminente atentado do jihadismo decidiu na tarde do domingo manter o máximo nivel de alerta en Bruxelas e manter fechados os centros de ensino de todos os niveis.

Militares en Bruxelas
photo_camera Militares en Bruxelas

O Goberno belga acordou manter o nivel 4 de alarma, o máximo, e manter fechada a rede de metro, así como os centros de ensino logo das presuntas informacións que lle fornecerían os servizos de intelixencia sobre un atentado “serio e inminente”. Esta medida, adoptada desde a mañá do sábado, mantén paralizada a capital comunitaria, onde se suspenderon concertos, eventos deportivos e todo acto que implicase unha gran concentración de xente.

Ás persoas que habitan en Bruxelas aconséllaselles que non acudan a grandes centros comerciais, discotecas ou estacións de transporte público. 

Na tarde do domingo, a canle RTL deu conta dunha operación policial perto da Grande Place de Bruxelas, onde, segundo este medio de comunicación, os axentes alertarían os veciños e veciñas para que non se achegasen ás fiestras nin aos balcóns.

París extrema a seguridade

Pola outra banda, París segue blindada polas forzas de seguridade tras os atentados do día 13 de novembro. Baixo a xustificación dun posíbel ataque, a policía informou esta tarde a través de Twitter que acometerá novas medidas que restrinxirán as liberdades, cando menos, desde o 23 ao 29 deste mes.

Así, a policía informa de que non se poderá aparcar nas proximidades dos colexios, da prohibición de realizar excursións escolares,  do desenvolvemento de simulacros, da identificación de sistemática da identidade das persoas estranxeiras ou o control visual das mochilas. A policía tamén insta a cidadanía a denunciar todo comportamento ou obxecto sospeitoso.

Máis en Mundo
Comentarios