As Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española en Celanova comezan lembrando o Pazo de Meirás

A iniciativa, organizada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, comezou cunha conferencia do investigador Carlos Babío, coautor do libro 'Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo', e o historiador Rubén Centeno, que traballa na historia da prisión da Coruña.

Coa pintada de Adiante Semanario como fondo e de Esquerda a dereita Hixinio Araúxo,Paz Gómez del Valle,Carlos Babio, Rubén Centeno e dous menbros de Amigos da República de Ourense, este sábado. (Foto: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova)
Coa pintada de Adiante Semanario como fondo e de Esquerda a dereita Hixinio Araúxo,Paz Gómez del Valle,Carlos Babio, Rubén Centeno e dous menbros de Amigos da República de Ourense, este sábado. (Foto: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova)

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova organiza este mes de novembro un ciclo de conferencias e actividades co título ‘Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española’ que comezaron este sábado cunha ofrenda floral, a lectura de textos poéticos e unha conferencia a cargo dos investigadores Carlos Babío e Rubén Centeno.

O primeiro, coautor do libro Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo (Fundación Galiza Sempre, 2018), relatou a historia deste edificio e como se recuperou e o segundo interveu para explicar o seu traballo sobre a historia de prisión da Coruña.

Carlos Babío e Rubén Centeno, en Celanova.
Rubén Centeno e Carlos Babío, en Celanova.

Antes da conferencias realizouse unha homenaxe ás mulleres presas na antiga cadea de Celanova, documentada e sinalizada o pasado ano polo propio comité.

"Levamos 50 anos de impunidade, aínda que Franco morreu quedan elementos sen extinguir do franquismo", sinala o presidente do Comité, Hixinio Araúxo a Nós Diario. Na súa opinión esta impunidade "facilita que siga presente o fascismo", unha das razóns polas que a súa entidade decidiu organizar estas xornadas.

Celso Emilio Ferreiro

O sábado 22 de novembro, ás 11:45 horas, as xornadas continuarán no Auditorio Municipal (AMIC), para traer de volta a figura de Celso Emilio Ferreiro á súa vila natal coa presentación do poemario O Cabronario (Elvira Editorial, 2024), unha recompilación de textos antifascistas escritos entre 1950 e 1973, xunto con outra obra inédita do autor titulada Pido unha patria ao mundo.

O acto contará coa participación de Xabier Ferreiro, fillo do poeta e compilador dos libros, e Xabier Romero, director da Editorial Elvira, acompañados pola xornalista María Xosé Porteiro, o escritor Antonio G. Teijeiro e o crítico Ramón Nicolás.

'A Transición na Galiza'

Fecharán as xornadas o 29 de novembro cunha dobre cita na Casa dos Poetas. Pola mañá, ás 11:45 horas, presentarase o libro colectivo A Transición na Galiza (Cátedra de Memoria Histórica da UDC en Laiovento, 2023), unha obra de historiadores, xornalistas e antropólogos que ofrece unha visión ampla da política e da cultura galega durante aquel período, e que é tamén unha das últimas publicacións de Xusto Beramendi, falecido o pasado ano. O último asinouno en Murguía, Revista Galega de Historia 50-51, que saíu do prelo días despois do seu falecemento. A presentación correrá a cargo do historiador Francisco X. Redondo Abal, que falará sobre a persecución ideolóxica durante a Transición a través das actuacións do Tribunal de Orde Pública (TOP), e tamén Adela Figueroa Panisse, arredor do activismo medioambiental, xénero e idioma.

Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada ‘A Transición en Ourense’, coa participación de Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa.

Comentarios