Unha xornada debaterá os usos da illa de San Simón en Moaña
Este sábado 18 terá lugar no Centro Multiusos de Domaio, Moaña, unha xornada sobre os usos da illa de San Simón. A illa é un dos lugares de memoria máis importantes da Galiza mais segue sen un plan que regule os seus usos, malia ser unha esixencia legal para os que ostentan a condición de Ben de Interese Cultural. Esa foi unha das razóns que provocou a organización de actividades pouco acaídas para un espazo que foi cárcere franquista.
Precisamente, da importancia de respectar a memoria dos lugares de terror da ditadura falará o sábado a investigadora Iria Morgade, que estudou a historia de espazos como Camposancos ou o Mosteiro de Oia.
Logo tomará a palabra o profesor de dereito de Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, especialista en dereito patrimonial que, na súa ponencia "O marco legal da illa de San Simón", aclarará cal é normativa que limita os usos do Lazareto.
Mesa redonda
Na mesa redonda posterior -á que se negaron a asistir as navieiras que operan na illa-, estará Julio Gómez, organizador do festival SinSal, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como representante da administración que acolle a illa. Por parte do movemento memorialista falarán Matías da Torre, voceiro da IGM, e a integrante do colectivo e investigadora Montse Fajardo.
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos -cuxo goberno apoiou á IGM na celebración das xornadas logo de que a Xunta se negase a facilitar a infraestrutura para poder facelas na propia illa– inaugurará a xornada ás 10.30 horas e ás 14 horas está previsto o feche a cargo do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, activista en pro da memoria histórica e neto de Darío Álvarez Limeses, asasinado polo fascismo en outubro de 1936.