Recuperan o diario que José Casal escribiu mentres estaba recluído en San Simón durante a ditadura

O escrito deste preso vilaboés editarase e publicarase por parte do colectivo A Regaduxa, que presentará o proxecto este domingo nun acto baixo o título 'A Vilaboa resistente'.
José Casal, cando era mozo. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera José Casal, cando era mozo. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O colectivo A Regaduxa presentará este domingo, nun acto que decorrerá a partir das 12 horas no Adro de San Adrián de Cobres, o proxecto para a edición e publicación do diario que o preso vilaboés José Casal escribiu mentres ficou recluído no cárcere de San Simón durante a ditadura.

O evento conta co apoio do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e pretende "recuperar e pór en valor" figuras salientábeis para a memoria do lugar.

Baixo o título 'A Vilaboa resistente', permitirá tamén reanudar a actividade da Regaduxa, paralizada desde o inicio da pandemia. No evento participarán o integrante deste colectivo Carlos Ríos; Alberte Blanco Casal, escritor veciño de Cobres e familiar de José Casal; a deputada de Memoria Histórica, María Ortega; e a cantautora Sheila Patricia, que porá música á xornada.

O diario de José Casal é "un tesouro", precisan desde a Regaduxa, que verá a luz logo da súa cesión por parte da familia á asociación. Trátase dun manuscrito que se publicará en vindeiras datas onde o preso conta as súas vivencias e sentimentos.

A intención desta proposta é "reivindicar a súa figura, darlle protagonismo á súa familia e devolver a dignidade a unha persoa da vila cuxa memoria até o de agora non foi divulgada como debería para dar a coñecer as penurias que moitas persoas coma el padeceron polos seus ideais".

A presentación da 'Vilaboa resistente' estará aberta ao público e realizarase xusto unha semana despois doutra iniciativa promovida polo mesmo departamento da Deputación tamén en Vilaboa, o Canteira Fest.

Neste festival de música o Goberno provincial porá en marcha un espazo de memoria destinado a "informar e divulgar a memoria entre a xente moza" a través de distintas actuacións musicais, de pintura, obradoiros, charlas e 'performance' teatrais.

Comentarios