Urxen a Xunta a protexer os bens de Meirás como BIC por ser "propiedade da cidadanía galega"
"Calquera demócrata debe sentir vergoña dunha posíbel foto dos Franco sacando os bens do Pazo". Nestes termos se expresou nesta sexta feira o historiador Carlos Babío, nunha rolda de prensa na que o colectivo Defende Meirás —do que forma parte a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM)— urxiu a Consellaría de Cultura a iniciar "de maneira urxente" o trámite para incorporar á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo "todos os bens móbeis, tanto do interior do edificio como do exterior", xa que "conforman un conxunto indivisíbel".
O mobiliario do edificio "é propiedade da cidadanía galega", dixo, e engadiu que Meirás "non pode ser un símbolo da impunidade franquista". Babío salientou que alén da vía xudicial está a administrativa, en mans da Xunta "se realmente ten vontade" de protexer os bens.
"Trátase de incoar a ampliación da declaración BIC incorporando os bens que xa ten catalogados (perto de 800). E a incoación, enviada ao Diario Oficial da Galiza (DOG) para a súa publicación na terza feira, suporía que gocen de protección de acordo coa Lei de Patrimonio Cultural", expuxo.
"Meirás representa moito máis que ese espazo construído. É todo o que pode acontecer aí en chave de futuro, e é tamén a representación da loita dun pobo pola liberdade e pola xustiza", dixo Carmen Armada, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que tamén interveu no acto xunto o ex alcalde de Sada, Abel López Soto; o actual rexedor, Benito Portela, e o historiador Manuel Pérez, que criticaron que o Estado non reclame os bens "que o propio Goberno estatal catalogou como Patrimonio Nacional".
Mobilización cívica
Malia que a Xustiza paralizou esta mesma semana a retirada dos bens por parte da familia Franco, Babío alertou da posibilidade de que esta recorra a citada suspensión.
Neste senso, avanzou que Defende Meirás levará a cabo "nas próximas semanas" unha campaña de información e divulgación dos bens móbeis sobre os que "pretenden aplicar unha nova rapina", e instou a se mobilizar para "rematar coa impunidade" do franquismo.
Aliás, anunciou que o vindeiro 19 de xuño a plataforma convocará unha concentración "cívica" en Meirás, e afirmou que seguirá insistindo na "inmediata apertura" do Pazo ao público.