Urxen a Xunta a protexer os bens de Meirás como BIC por ser "propiedade da cidadanía galega"

A Iniciativa Defende Meirás convoca unha "mobilización cívica" no Pazo para o vindeiro 19 de xuño.
Rolda de prensa ofrecida pola Iniciativa Defende Meirás (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rolda de prensa ofrecida pola Iniciativa Defende Meirás (Foto: Nós Diario).

"Calquera demócrata debe sentir vergoña dunha posíbel foto dos Franco sacando os bens do Pazo". Nestes termos se expresou nesta sexta feira o historiador Carlos Babío, nunha rolda de prensa na que o colectivo Defende Meirás —do que forma parte a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM)— urxiu a Consellaría de Cultura a iniciar "de maneira urxente" o trámite para incorporar á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo "todos os bens móbeis, tanto do interior do edificio como do exterior", xa que "conforman un conxunto indivisíbel".

O mobiliario do edificio "é propiedade da cidadanía galega", dixo, e engadiu que Meirás "non pode ser un símbolo da impunidade franquista". Babío salientou que alén da vía xudicial está a administrativa, en mans da Xunta "se realmente ten vontade" de protexer os bens.

"Trátase de incoar a ampliación da declaración BIC incorporando os bens que xa ten catalogados (perto de 800). E a incoación, enviada ao Diario Oficial da Galiza (DOG) para a súa publicación na terza feira, suporía que gocen de protección de acordo coa Lei de Patrimonio Cultural", expuxo.

"Meirás representa moito máis que ese espazo construído. É todo o que pode acontecer aí en chave de futuro, e é tamén a representación da loita dun pobo pola liberdade e pola xustiza", dixo Carmen Armada, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que tamén interveu no acto xunto o ex alcalde de Sada, Abel López Soto; o actual rexedor, Benito Portela, e o historiador Manuel Pérez, que criticaron que o Estado non reclame os bens "que o propio Goberno estatal catalogou como Patrimonio Nacional".

Mobilización cívica

Malia que a Xustiza paralizou esta mesma semana a retirada dos bens por parte da familia Franco, Babío alertou da posibilidade de que esta recorra a citada suspensión.

Neste senso, avanzou que Defende Meirás levará a cabo "nas próximas semanas" unha campaña de información e divulgación dos bens móbeis sobre os que "pretenden aplicar unha nova rapina", e instou a se mobilizar para "rematar coa impunidade" do franquismo.

Aliás, anunciou que o vindeiro 19 de xuño a plataforma convocará unha concentración "cívica" en Meirás, e afirmou que seguirá insistindo na "inmediata apertura" do Pazo ao público.

Comentarios