Simon Doubleday, medievalista e profesor da USC: "A raíña Sancha foi unha muller culta da elite feudal galega"

Este sábado Nós Diario obsequia as lectoras e os lectores co último libro da colección 'As grandes raíñas galegas na historia'. Trátase de 'Sancha. Poder, memoria e axencia feminina na Galiza do século XI', da autoría do medievalista británico e profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC Simon Doubleday.

Simon Doubleday na Facultade de Xeografía e Historia da USC. (Foto: Arxina)
Simon Doubleday na Facultade de Xeografía e Historia da USC. (Foto: Arxina)

—O século XI é moi relevante para a historia do Reino da Galiza pero ao mesmo tempo trátase dun período moi descoñecido e que require de moitas explicacións para poder analizalo na súa xusta medida. Como definiría entón o tempo político que lle tocou vivir á raíña Sancha I?
A nivel peninsular o século XI é un período no que os reinos cristiáns non teñen unha posición hexemónica en relación cos reinos musulmáns e no que se producen numerosas alianzas interrelixiosas entre ambos. Non estamos a falar dunha reconquista, pois non existe aínda un espírito de cruzada. Trátase dunha cultura política profundamente pragmática, algo que non cambia até finais do século XI.

É necesario abandonar a narrativa triunfalista do liderado dos reinos cristiáns neste período. O Cid xorde neste contexto. Cando se di que era un mercenario, moita xente —sobre todo a xente de dereita— oféndese, pero o Cid foi precisamente un produto desta cultura política pragmática propia da época.

É unha sociedade moi rural, que carece dos grandes centros urbanos que ten Al-Ándalus. O reino era dunha gran riqueza rural pero non estaba urbanizado e mesmo as súas cidades mais importantes como Santiago de Compostela ou León eran moi pequenas. Neste momento, o noroeste peninsular estase recuperando das grandes campañas lanzadas por Almanzor a finais do século X, aínda que a riqueza do campo non se interrompe de maneira radical.

—No seu libro Sancha. Poder, memoria e axencia feminina na Galiza do século XI, que pon remate á colección de publicacións recollidas no proxecto de Sermos Galiza 'As grandes raíñas galegas na historia', achégase a diferentes esferas desta monarca, mais cal era o seu programa político e a súa concepción do reino galego?
A riqueza do campo constituía a base do poder económico do rei Fernando e da raíña Sancha. Ambos formaban parte dunha elite feudal que explotaba os recursos agrarios, polo que cómpre abandonar calquera modelo heroico desta monarquía. A riqueza rural non se interrompeu nin sequera coas campañas de Almanzor.

Cómpre subliñar que eran representantes da alta nobreza, inseridos en redes aristocráticas moi poderosas. Tradicionalmente, o rei era un primus inter pares (primeiro entre iguais), e existía unha forte simbiose entre a aristocracia e a monarquía.

No caso de Sancha, formaba parte da nobreza galega, e procedía por parte de nai da liñaxe dos Méndez. A monarquía era un mecanismo para esa elite, que resistiu con forza a chegada violenta de Fernando ao trono. Había unhas redes aristocráticas galegas que durante unha década se opuxeron a Fernando, que era conde de Castela e representaba a monarquía de Nafarroa. Seguramente, Sancha mantivo unha relación estreita coa aristocracia galega, aínda que non sabemos exactamente a súa posición persoal neste respecto.

—Falaba agora do proxecto político da raíña, dos intereses que representaba e do seu papel naquel Reino da Galiza do século XI, mais que se sabe da persoa e que nos pode dicir dela?
Nun principio estaba previsto que fora dona dunha rede de mosteiros e propiedades reais mais a fraxilidade do reino obrigouna finalmente a casar con Fernando. Hai algo que semella bastante claro, Sancha era unha persoa culta, sen dúbida puidera ler e mandou facer varios manuscritos de luxo, como o Libro de Horas que se conserva hoxe en Santiago de Compostela. Desempeñou un papel central na cultura, sobre todo na escrita, pero tamén na arquitectura, e parece ser que foi ela quen tomou a iniciativa do Panteón Real de San Isidoro de León.

Temos que especular bastante sobre o seu carácter, pois non existen testemuños directos fiábeis. As crónicas están redactadas medio século despois nun contexto moi distinto. Porén é evidente que era unha persoa con resistencia de carácter, unha persoa forte capaz de superar a perda da nai con catro ou cinco anos e o pai con apenas dez.

Pero persisten moitos misterios. Por exemplo, como sobrevive e como tolera o asasinato do seu irmán polo seu marido Fernando e como foi capaz de continuar o seu matrimonio con el. Podemos supor que, como facía calquera home naquel período, Sancha era unha persoa tamén pragmática que decide defender os seus propios intereses.

Sen dúbida, a raíña Sancha foi unha muller culta, da elite feudal galega e de forte carácter, pero tamén unha representante do poder que exercían moitas mulleres da elite no século XI, un poder que durante a Idade Media foi moito maior do que adoita recoñecerse desde a nosa propia época de misoxinia moderna.

A herdanza de Sancha e Fernando

Unha das cuestións que xorden á hora de falar da herdanza de Sancha e Fernando é o reparto dos territorios do seu reino entre os seus fillos, correspondéndolle as terras de Castela a Sancho, as de León a Afonso e as da Galiza, desde o mar Cantábrico até o río Mondego, a García. Neste punto, Simon Doubleday apunta que "se segue un patrón que vén do Reino de Nafarroa, é un arranxo que se fai tendo en conta as características persoais dos infantes". Neste punto, destaca que "os conflitos entre irmáns eran normais na Iberia medieval e foi un tema constante no Reino da Galiza e León" e significa que "cun pai tan ambicioso e cruel como Fernando é normal que o patrón se repita. García recibe Galiza, un reino que inclúe o norte de Portugal e naturalmente unha persoa tan ambiciosa como Afonso quere facerse con el, polo valor económico dese reino".

Comentarios