San Simón reivindícase como lugar de memoria no acto nacional de homenaxe ás vítimas da represión franquista
A Iniciativa Galega pola Memoria (IMG) celebra este domingo, 20 de xullo, o acto anual de homenaxe nacional ás vítimas do franquismo e a todas as persoas presas na illa de San Simón entre outubro de 1936 e marzo de 1943. Unhas 500 persoas, en representación dunha trintena de entidades da Galiza e do colectivo estatal La Comuna, que integra persoas de distintas partes do Estado presas no tardofranquismo, participarán nos actos que terán lugar na illa a partir do mediodía.
"Este ano a xornada estará marcada por unha temática diversa. Por unha parte mantemos a reclamación de San Simón como lugar de memoria, unha declaración que o Goberno español anunciou a finais do ano pasado e da que non tivemos ningunha comunicación, e por outro, reivindicamos a loita antifascista como contrapunto ao auxe da ultradereita que está sacudindo a toda Europa", sinala a Nós Diario Matías Rodríguez de la Torre, voceiro da IMG.
Memoria antifascista
Asegura que a illa "está caendo nun proceso de degradación e banalización total" e que necesita de forma urxente "un plan de usos e unha xestión dedicada á memoria democrática", razón pola que reclaman ao Estado que acelere a declaración da illa como lugar de memoria, cuxos trámites, xunto aos do pazo de Meirás, prometeu iniciar "en agosto ou principios de setembro". Este recoñecemento, insiste o movemento memorialista da Galiza, ten que servir para pórlle fin "á realización en San Simón de actividades lesivas coa memoria das vítimas como os recentes festivais de bachata ou o Sinsal, autorizados polo goberno da Xunta malia ser duramente criticados polas familias das vítimas".
O arqueólogo e investigador Xurxo Ayán será o encargado da intervención central, que levará por título "Tsunamis neofeixistas e illas de memoria", mentres que para pór voz ás familias dos presos, tomará a palabra a pontevedresa Mariña Paz, bisneta do impresor Ramiro Paz, fusilado na cidade do Lérez o 12 de novembro de 1936.
Os actos servirán tamén para horar a memoria dos últimos fusilados polo franquismo hai agora 50 anos –Moncho Reboiras Humberto Baena e José Luís Sánchez Bravo–, así como para lembrar o legado antifascista de Castelao no 75 aniversario do seu pasamento no exilio, en Bos Aires, "efemérides que indican que as fendas da represión franquista seguen abertas", salienta De la Torre.
Negacionismo do PP
O voceiro da IMG lembra, ademais, que a convocatoria deste 2025 vén marcada, ademais, pola polémica xurdida a principios de ano cando o Goberno do PP negou a existencia de mortes durante o tempo en que a illa de San Simón funcionou como cárcere, "un período no que fica demostrado que perderon a vida polas durísimas condicións vividas no vello Lazareto máis de 500 persoas, ás que hai que sumar as ducias de presos que foron sacados da illa cara ao paredón ou ás cunetas".
A homenaxe nacional ás vítimas do franquismo contará coa música do dúo composto por Alba Costas e Miguel Soto e co acompañamento da agrupación tradicional Gaiteiras da Memoria.