Perto de 200 persoas exixen respecto pola illa de San Simón como Lugar de Memoria Democrática
Perto de 200 persoas protestaron este domingo contra a celebración dunha actividade denominada ‘+Q Bachata’, un espectáculo ao que poderon asistir persoas "VIP e Golden Pass" para gozar dunha festa con temática pirata na illa de San Simón, no municipio de Redondela (comarca de Vigo), nun espazo declarado Lugar de Memoria Democrática.
As persoas que asistiron a esta convocatoria da Iniciativa Galega pola Memoria cualificaron a protesta como un “éxito”. “Demostra que o movemento memorialista segue activo”, salientan as persoas que acudiron a esta protesta en defensa da illa como un lugar de memoria.
A protesta tivo lugar no porto de Cesantes, no municipio de Redondela, nunha protesta contra o acto organizado co beneplácito da Xunta da Galiza, colaboradora do festival, e que estivo liderada polo portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), Matías da Torre.
Previamente, a IGM denunciou, con sorna, o "comportamento respectuoso" que a empresa organizadora da festa de bachata tivo en San Simón en edicións anteriores. Por ese motivo, “contra esta falta de respecto a un lugar de memoria, escenario da represión franquista”, convocaron a mobilización deste domingo.
Desde o movemento memorialista reiteraron a necesidade de “denunciar esta nova aldraxe ás vítimas da ditadura na Illa da Memoria, permitida outra volta pola Xunta da Galiza”, así como “a súa falta de sentido ético para fornecer este lugar da memoria democrática dun plan de usos axeitado á súa memoria histórica”.
Petición de cancelación
Neste sentido, o Concello de Redondela remitiu á Xunta da Galiza un escrito dirixido á Consellaría de Cultura, responsábel da xestión da illa de San Simón a través da Fundación Museo do Mar de Galiza, no que lle pide "respecto aos lugares de memoria democrática" e polo tanto, a cancelación dun evento programa na illa esta mesma fin de semana. Porén o acto tivo finalmente lugar.
O evento, sinalou o Concello de Redondela, conta coa autorización da Xunta da Galiza malia que "nin por parte da Consellaría de Cultura nin da Fundación Museo do Mar de Galiza o Concello tivo coñecemento desta actividade", subliñou a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora considerou "innecesario" que esta actividade decorra nun lugar como San Simón, espazo declarado Lugar de Memoria Democrática.

