Redondela denuncia unha festa de bachata na illa de San Simón e exixe á Xunta "respecto" para este lugar de memoria
O Concello de Redondela vén de remitir á Xunta da Galiza un escrito dirixido á Consellaría de Cultura, responsábel da xestión da illa de San Simón a través da Fundación Museo do Mar de Galiza, no que lle "respecto aos lugares de memoria democrática" e polo tanto, a cancelación dun evento programa na illa esta mesma fin de semana.
A demanda do Concello prodúcese logo do Goberno local ter coñecemento da celebración dunha actividade denominada "+Q Bachata", un espectáculo ao que poderán asistir persoas "só VIP e Golden Pass" para gozar dunha festa con temática pirata. O evento, sinala o Consistorio de Redondela, conta coa autorización da Xunta da Galiza malia que "nin por parte da Consellaría de Cultura nin da Fundación Museo do Mar de Galiza o Concello tivo coñecemento desta actividade", subliña a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora considera "innecesario" que esta actividade se celebre nun lugar como San Simón, espazo declarado Lugar de Memoria Democrática.
Neste sentido, Rivas advirte que o evento autorizado polo Goberno galego "ofende a centos de familias vítimas da ditadura militar, da represión e da persecución", polo que solicita a cancelación deste acto.
Desleixo no control de actividades
Nun comunicado dirixido aos medios a rexedora lembra que o pasado 9 de abril mantivo un encontro na Consellaría de Cultura para falar da illa de San Simón. Nesa reunión o conselleiro, José López Campos, rexeitou que o Concello de Redondela poida formar parte da Fundación que xestiona a illa. Con todo, comprometeuse a "controlar" a celebración de actividades "que puidesen resultar ofensivas á memoria das vítimas do franquismo", e a "promover" actividades "para conservar a memoria democrática". A alcaldesa lamenta que desde aquela reunión a Xunta "non celebrou un só acto sobre memoria democrática, pero si autoriza actos que ofenden á memoria das vítimas". Para a alcaldesa trátase de decisións "indecentes".
Ante esta situación Rivas esixe "unha vez máis" ante a Xunta "o ingreso do Concello de Redondela na Fundación Museo do Mar de Galiza, para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren na illa de San Simón, que é termo municipal de Redondela", e engade que esta exclusión da Xunta "é unha enorme ofensa ao conxunto dos veciños e veciñas".
Rivas demanda tamén "ter coñecemento das actividades que se fan na illa, que é parte do territorio de Redondela, en sinal de respecto institucional". Tal como propuxo o propio conselleiro demanda "diálogo" para "valorar a programación de actividades sobre a memoria histórica" e esixe "respecto" aos lugares de memoria democrática.
Rivas reitera o seu ofrecemento "para estabelecer o diálogo institucional necesario para unha mellor xestión dun espazo tan importante para Redondela como son as illas de San Simón e Santon Antón".

