Reencontro en Marín da familia Lobeira para lembrar e homenaxear unha cerna de combatentes contra o franquismo

62 membros da familia, procedentes de diferentes lugares do mundo, citáronse no Seixo para descubrir unha placa conmemorativa na fachada da casa en que naceron e se criaron os irmáns Lobeira, combatentes contra o franquismo, e para plantar unha oliveira na súa memoria.

lobeira 2
Foto de familia. (Foto: Familia Lobeira)

Esta fin de semana tivo lugar en Loira (Seixo, Marín, O Morrazo) diversos actos de “recoñecemento e dignificación” da familia Lobeira. Con ese motivo estiveron presentes até 62 membros desa familia, procedentes de México, Euskal Herria, Canarias e de diversos puntos da Galiza. Eran os descendentes (fillos, netos, sobriños, etc.) dos irmáns Lobeira, vidos de todos eses lugares como resultado das consecuencias do exilio. 

A casa onde naceron os irmáns Lobeira, en Montecelo-Loira, ten desde esta fin de semana unha placa que a distingue. "Nesta casa naceron e viviron os irmáns Lobeira, exemplo de liberdade e de compromiso coa democracia, a xustiza e a liberdade. Na súa memoria". 

Para a familia é un “lugar da memoria”, tanto do punto de vista familiar, como para o conxunto da sociedade. Tamén plantaron colectivamente unha oliveira na entrada da casa, “como símbolo de paz e memoria”. Para pór o ramo a estes actos, houbo un xantar de confraternización. 

A familia Lobeira quere agradecer o apoio e colaboración da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e á súa presidenta, Enriqueta Otero, que tomou a palabra no acto, así como aos historiadores Celso Milleiro e María Torres, presentes tamén nestes actos, e a cantos veciños e veciñas de Loira se achegaron tamén a esta celebración. 

 Gerardo Lobeira Rodríguez. Combateu contra o franquismo como soldado de infantería na defensa de Bilbao (1936-1937), secuestrou un pesqueiro co que fuxiu á Francia (1937), seguiu combatendo como carabineiro do mar en Catalunya (1937-1939), estivo preso en varios campos de concentración no sur da Francia (1939-1940), e finalmente ingresou na Resistencia Francesa contra a ocupación nazi (1940-1944), até que morreu metrallado (agosto de 1944) no marco dunha misión. Por ese motivo foi declarado heroe nacional da Francia, e o seu nome figura inscrito nun monólito e en varios espazos dese país.

Manuel Lobeira Rodríguez. Alistouse na Mariña de Guerra Vasca (1936-1937), sobrevivindo a diversos bombardeos e accións bélicas. Segue combatendo en Catalunya en 1937-1938. En agosto de 1938 fai parte da dotación do destrutor “José Luís Díez”, co que intenta, dende Le Havre (Franza) pasar o estreito de Xibraltar. O buque recibiu varios impactos de artillería (con baixas) polo que se  refuxiou en Xibraltar (dominio británico). Nun novo intento de saída o buque acaba novamente danado. Por esta acción Manuel foi condecorado polo seu valor polo Goberno da República. Coa  frota republicana exiliouse no norte de África. Alí estivo preso en varios campos de concentración  de Tunisia e Alxeria, dos que fuxiu e participou -xa na Segunda Guerra Mundial- no servizo aliado de espionaxe e intelixencia contra a ocupación. Finalmente puido reconstruír a súa vida como  refuxiado político en México. Non puido volver á Galiza até despois de 1977, coa promulgación da lei de Amnistía.

Antonio Lobeira Rodríguez. Alistouse na Mariña de Guerra Vasca (1936-1937), onde participou en operacións marítimas en Bélxica de tráfico de armas a prol do exército vasco e da República. Segue combatendo en Catalunya en 1937-1938. Morre en combate (novembro de 1938) por impacto de bala na batalla do Segre. Os seus restos descansan nunha foxa común en Cervera (Lleida), á  espera da súa próxima exhumación e retorno á Galiza.

José Lobeira Rodríguez. Alistouse na Mariña de Guerra Vasca (1936-1937), onde participou en operacións de evacuación e rescate de refuxiados en Lekeitio. Segue combatendo en Catalunya en  1937-1938. A partir de 1939 está preso, como exiliado, en diversos campos de concentración no sur da Franza. Finalmente pode reconstruír a súa vida, moitos anos despois, volvendo á Galiza.

Consuelo Lobeira Rodríguez. Foi unha “nena da guerra”, sendo evacuada de Euskal Herria despois  do bombardeo de Gernika. Botou anos como refuxiada cunha familia de Briançon, nos Alpes, tamén no marco da Segunda Guerra Mundial, até que anos despois puido retornar á Galiza. 

Os seus pais (Manuel Lobeira e Laureana Rodríguez), así como o resto de irmáns (Amalia, Fernando, Benito e Ángela Lobeira Rodríguez), sufriron as consecuencias da persecución franquista e da estigmatización en Loira. Ese é o motivo que os leva, décadas despois, a lles render o seu xusto tributo e recoñecemento.

Comentarios