"Saben o que é a dor das familias? Saben o que é o respecto? Que pena estar rodeada desta xente!"

O Festival Sinsal continúa levantando polémica pola falta de respecto á memoria das vítimas da represión franquista.

20250723 Sinsal - Visita institucional San Simón © elmembrillo 1
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, segundo pola esquerda, na presentación da edición do Festival Sinsal de 2025. (Foto: Xunta da Galiza)

O 25, 26 e 27 de xullo a illa de San Simón acolleu unha nova edición do Festival Sinsal, que contou un ano máis co patrocinio económico de institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta da Galiza.

O encontro desenvolveuse de novo con polémica. Neste sentido, os colectivos da memoria desenvolveron varias protestas por considerar que representa unha falta de respecto ás persoas que estiveron confinadas e morreron na illa de San Simón cando era un campo de concentración.

Redondela, municipio onde se empraza a illa, tamén rexeita o evento. Neste sentido, a alcaldesa da localidade, Digna Rivas, reclamou "respecto aos lugares de memoria democrática" e denunciou que "ofende a centos de familias vítimas da ditadura militar, da represión e da persecución".

A propaganda elaborada pola Deputación de Pontevedra para promocionar o Festival Sinsal vén de provocar unha vaga de indignación nas redes sociais. Na mesma, entre imaxes de festa e música aparece un fotograma de Dámaso Carrasco.

Sin título
Captura de pantalla do vídeo da Deputación de Pontevedra onde se ve a Dámaso Carrasco.

Dámaso Carrasco, dirixente do Partido Galeguista en Vilagarcía de Arousa no período republicano e militante nacionalista na clandestinidade, estivo preso no campo de concentración de San Simón, recollendo coa súa cámara instantáneas da represión.

A xornalista e escritora Montse Fajardo foi unha das primeiras persoas en denunciar o vídeo elaborado pola Deputación de Pontevedra para promocionar o Festival Sinsal. Así, nas súas redes sociais chamou a "parar isto, xa".

"Non sei por onde empezar", afirmou Fajardo, "se por facer o festival na illa, se por ter a desfachatez de facer este vídeo con carto público e desde unha institución que supostamente conta con departamento de Memoria Histórica ou por meter no medio do vídeo a imaxe do preso vilagarcián Dámaso Carrasco".

Montse Fajardo  escribiu que "o concello de Redondela ten que redactar un plan de usos. O Estado aprobar a declaración de San Simón como lugar de memoria que anunciou para este mes. Da Xunta e da Deputación xa só agardo que aprendan o que é o respecto".

Paz Gómez del Valle

Paz Gómez del Valle foi outras das persoas en sumarse ás críticas. Neta de María del Valle, asasinada en 1937 por pedir a conmutación da pena de morte do seu fillo e sobriña dos militantes comunistas executados polos franquistas Manuel e Ricardo Gómez del Valle denunciou o acontecido.

"Saben o que é a dor das familias? Saben o que é o respecto? Que pena estar rodeada desta xente!", apuntou Paz Gómez del Valle, quen indicou a Nós Diario que "é unha vergoña. O sitio merece un respecto. Miña nai era parente de Dámaso Carrasco".

concentracion-r9dnr6wny0r9xwyv4upeqeg2qpqznm2jwuamhrprwo
Protesta na praia de Cesantes fronte  San Simón o pasado 27 de xullo contra o Festival Sinsal. (Foto: Radio Redondela)

Gómez del Valle aseverou que "non hai dereito que non teñan respecto ás vítimas, San Simón é un lugar destinado á memoria. Desde cambiou [o Goberno] da Deputación de Pontevedra é unha vergoña o que están a facer alí".

Comentarios