Concorrida e emotiva homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), no 86º aniversario do seu asasinato
O nacionalismo lembrou, máis un ano, a figura de Alexandre Bóveda e as vítimas da represión franquista con motivo do Día da Galiza Mártir. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidiu este acto no monólito da Caeira —moi perto do lugar onde Bóveda foi fusilado 86 anos atrás—, que estivo cargado de emotividade e que contou cun gran número de asistentes.
A Fundación Alexandre Bóveda recuperou a entrega do Premio Galiza Mártir, que este ano foi outorgado aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un Pazo, un caudillo, un espolio, editado no ano 2017 pola Fundación Galiza Sempre. Ambos os dous agradeceron o galardón, que foi entregado polo rexedor e por Amalia Bóveda, filla do histórico dirixente político. "Supón un grato recoñecemento, dentro dos retos que aínda quedan por completar sobre o pazo de Meirás", indicaron.
A encargada de inaugurar o acto foi a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas, que destacou "o patriotismo e o compromiso co país de Alexandre Bóveda" e fixo especial énfase na importancia de que "non caian no esquecemento todas as mulleres mártires que foron vexadas e represaliadas na Guerra Civil e durante o franquismo".
A concelleira do BNG puntualizou que "é tempo de reivindicar, non de celebrar", e incidiu na necesidade de seguir loitando para que o Día da Galicia Mártir sexa institucionalizado.
Posteriormente, tomaron a palabra os representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao, Miguel Ángel Seixa e David Otero, que sinalaron que Bóveda "é o nome propio do noso país", unha figura "que coa súa valentía e peso intelectual fixo posíbel o galeguismo e o Estatuto de Autonomía".
Antes da entrega do premio Galiza Mártir produciuse unha emotiva intervención a cargo de Amalia, a filla de Bóveda, que quixo destacar os valores do seu pai "e de tantos e tantas mártires que loitaron por construír unha sociedade baseada nos dereitos de todos" . O encontro fechou coa tradicional ofrenda floral, por parte das autoridades, e coa interpretación do himno da Galiza, a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.
Pontón chama a "manter viva" a memoria de Bóveda
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou a necesidade de "manter viva" a memoria e as "ideas avanzadas" de Alexandre Bóveda nas que reclamaba "que a Galiza tivese un financiamento propio".
"O BNG actualizado non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda: ese partido galeguista do século XXI", afirmou Pontón, que pediu que a Xunta conmemore de maneira oficial este día. "Un Goberno do BNG porá fin a todos estes anos de desprezo e de malos tratos a todas estas figuras como Alexandre Bóveda", prometeu.
Do mesmo modo, a líder do Bloque dixo que hoxe en día "tamén é necesario defender un novo modelo de financiamento para a Galiza" que permita á comunidade "ter a chave do seu diñeiro" para poder investilo en reforzar a sanidade e os servizos públicos ou en "facerlle fronte a esta grave crise de prezos".