As pegadas até hoxe do franquismo centran as III Xornadas contra a Impunidade da Deputación de Pontevedra

Maria Ortega e Montse Fajardo

Desenvolverase o 26 e 27 de novembro no Pazo da Deputación e nelas debaterase sobre monarquía e igrexa e as súas relacións coa ditadura ou sobre como os beneficios obtidos polas empresas afíns ao réxime chegan á actualidade.

As Xornadas de Loita contra Impunidade organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra fan tres anos e nesta terceira edición levan como título  ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade'. Serán os vindeiros 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial e precisarase inscrición (xa aberta en depo.gal) para participar.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e a técnica provincial de Memoria Montse Fajardo presentaron o programa esta quinta feira. Unha edición que, segundo palabras da responsábel nacionalista, quer poñer sobre a mesa “sen censura” que as empresas que financiaron a ditadura xenocida “fixéronsen de ouro” mentres había persoas asasinadas, torturadas e encarceradas, e outras sufrían unha importante represión económica que condicionou a súa vida debido a multas, espolio de bens e incautacións sen garantía legal. “Moitos fixéronse ricos a costa de deixarnos sen o mellor daquela xeración”, afirmou.

Ortega subliñou que “o verdadeiramente triste, e unha das cousas que fai feble a nosa democracia é que aínda vemos como os herdeiros daquel tempo, das empresas e dos cargos (como o caso da xefatura do estado, por exemplo) levan máis de 40 anos enchéndose o peto con total impunidade, e a cegueira premeditada das institucións e quen as ocupan”.

Montse Fajardo abondou importancia dos nomes que inclúe o programa deste ano para “acabar cunha das mentiras que propagou o réxime e que non desbaratou de todo a democracia, que é que o franquista era un réxime austero, cando está demostradísimo que non era austero senón corrupto”.

Para analizar as empresas que se lucraron e fixeron cartos co apoio á ditadura estará en Pontevedra o xornalista Antonio Maestre, de Eldiario.es e La Marea, e autor de ‘Franquismo SA’, que falará na súa charla ‘O capital e a represión’ dando especial atención ao acontecido en Galiza.

 Posteriormente o historiador Xosé Álvarez Castro dará unha visión máis local e polo miúdo sobre a represión das persoas que colaboraban co réxime en cada localidade.

Como terceiro relatorio do día, falarase do espolio cultural, da identidade e do relato e de como co Franquismo se perderon a Pontevedra e Galiza de Bóveda e Castelao e acabouse metendo a ‘Galiza no No-Do’, título da intervención da profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto. Rematarase a xornada coa proxección do documental ‘Billy’, de Max Lemcke, coa participación de Miguel Ángel Gómez ‘Gus’, vítima de Billy el Niño.

Na xornada do sábado, durante a mañá, falarase de como afectou a corrupción á actual democracia e como algúns métodos seguiron arraigados nalgunhas institucións como a Xefatura do Estado. Estará en Pontevedra Rebeca Quintáns, autora do libro ‘Un rey golpe a golpe’ publicado no 2000 baixo pseudónimo e reeditado co título ‘Juan Carlos I, la biografía sin silencios’, a obra máis importante para coñecer a corrupción borbónica.

O profesor da Universidade de Vigo Xosé Ramón Rodríguez Lago falará das relacións entre igrexa e franquismo.  A última charla correrá a cargo da profesora de Historia Contemporánea da USC Araceli Freire, membro de Histagra, que falará de como o pobo galego resistiu á ditadura cando esta se intentaba apropiar do ben común.

Posteriormente será o momento dunha mesa redonda ‘Cando a herdanza é a memoria’, que xuntará a descendentes de vítimas e hoxe baluartes da memoria e da loita contra a impunidade: Carlos Babío, autor da peza sobre Meirás; Susana Sánchez Aríns, autora de ‘Seique’ e que falará de como o irmá da súa avoa, xefe local da Falanxe, tamén se apropiou de terras da súa familia aproveitando os seus galóns; e Paqui Maqueda, presidenta dun colectivo memorialista andaluz integrante da plataforma que está a reivindicar unha edificación que aínda hoxe é da familia Queipo de Llano en Sevilla “donada” como Meirás e sobre a que está aberto un proceso xudicial como o feito en A Coruña.

Como remate das Xornadas realizarase unha visita ao Mosteiro de Oia e á Volta dos Nove en Baiona, para coñecer a realidade do campo de concentración que alí houbo e o lugar onde foron asasinados varios sindicalistas  da zona do Val Miñor coa guía de Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoráns.M