Un novo ascenso ao Pico Sagro para reafirmar a nación galega

Como cada sábado previo ao Día da Patria Galega terá lugar a subida ao Pico Sagro, revivindo así o ascenso que Castelao realizara en 1924 canda outros membros das Irmandades da Fala. Após a subida realizarase un xantar e visitaranse distintos puntos da zona.

Ascenso ao Pico Sagro [Imaxe: Xan Carlos Garrido]
photo_camera Ascenso ao Pico Sagro nunha imaxe de aqruivo [Foto: Xoan Carlos Garrido]

Unha nova subida ao Pico Sagro terá lugar o vindeiro sábado 24 de xullo, convocada pola Asociación Cultural O Galo de Santiago e a AC Vagalumes da Estrada, ambas as dúas integrantes da Federación Galiza Cultura. Conmemórase así o ascenso realizado por Castelao o 19 de xullo de 1924, en plena ditadura de Primo de Rivera, con outros membros das Irmandades da Fala para coñecer os mitos e a historia do pobo galego. Ademais tamén se honrará o discurso Alba de Gloria de Castelao, reafirmando con el a vontade de Galiza de ser e de existir como nación.

O cartaz deste ano 2021 reproduce a fotografía coloreada que tiraron como lembranza Castelao e o grupo cando a súa ‘peregrinación’ ao Pico Sacro.  

alba de gloria cartazAs convocantes sinalan que nesta actividade gardaranse todas as normas necesarias nun contexto de pandemia como o que se está a vivir. “Por este motivo crebamos o programa habitual e non acudirán ao acto as outras asociacións membros da Federación Galiza Cultura, nin o grupo de gaiteiros, nin haberá a actuación musical; tamén se anulou o recital de poemas e restrínxese o número de participantes, como xa se fixo en 2020”.

Iso si, mantense a cerna do acto que se leva desenvolvendo desde hai unha década: no cumio do monte, unha sucesión de persoas lerán o Alba de Gloria’de Castelao.  

Programa  

12 horas.  Concentración no aparcadoiro. Desde alí comezará a subida do último tramo do monte até chegar á capela de San Sebastián. 

12:30 horas  Na capela, o investigador Héitor Picallo lerá o texto que escribiu ex professo para este acto e despois subirase ao cumio.  

13 horas.  Izarase a bandeira galega na rocha que coroa o Pico Sacro, leitura do Alba de Gloria e canto do Himno Galego. 

13:45 horas  As persoas que baixan xuntaranse no cruce coas que quedaron na capela de San Sebastián, para ir até as covas do Pico Sacro. Héitor Picallo explicará as súas posíbeis orixes e as lendas que se conservan sobre elas.  

Un xantar de convivio en Gres e a visita a determinados puntos da zona, como a ponte medieval de Ledesma ou a capela de Santiaguiño completan o programa. A organización advirte que de chover, haberá un programa alternativo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios