Camilo Díaz Baliño: "O nacionalismo é esencialmente de esquerda"
Explica o proceso de renovación da arte e do deseño galego nas primeiras décadas do século XX. Pintor, deseñador e escenógrafo, foi autor dalgúns dos carteis mais recoñecidos do seu tempo e dos decorados de obras tan significativas para o teatro galego como Rosiña de Xesús San Luís Romero, Trebón de Armando Cotarelo Valledor ou O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.
Artista comprometido, afirmou en 1926, en plena ditadura de Primo de Rivera, que "hoxe para ser verdadeiramente artista galego, hai que ser nacionalista galego. Non hai arte sen ideas de redención da Galiza”. Precisamente, sobre esta premisa edificou unha obra que aínda hoxe non deixa a ninguén indiferente.
Militante do nacionalismo galego desde 1917, fixo parte das Irmandades da Fala, sendo membro impulsor da organización en Ferrol canda Xaime Quintanilla, Imeldo Corral, Xoán García Niebla, Uxío Charlon ou Manuel Sanchez Ermida. Organizado posteriormente no grupo da Coruña até a súa marcha a Compostela en 1920, nesa localidade ocupou diversos cargos de responsabilidade ao longo desa década.
Tomou partido pola Irmandade Nacionalista Galega de Daniel Castelao, de Vicente Risco e de Ramón Vilar Ponte, sinalando en 1926, nunha entrevista concedida a Ramón Suárez Picallo, que "o nacionalismo é esencialmente de esquerda e calquera movemento tendente á implantación da República Federal Socialista en España, contará cos nacionalistas”.
O fin vermello do nacionalismo galego
Organizado no Partido Galeguista desde a súa fundación en 1931, facía parte daquela liña hexemónica no nacionalismo, que seguindo o fío vermello iniciado por Antolín Faraldo e Rosalía de Castro, afirmouse antiimperialista, anticapitalista, anticolonialista e pacifista, conforme aos documentos orgánicos aprobados pola formación.
Non librou do terror. Encarcerado en xullo de 1936 en Compostela, debuxou a algúns dos seus camaradas de presidio como Ánxel Casal, Eduardo Puente “O Nécoras”, Xosé García, Sixto Aguirre ou Xosé Areosas, que correron a súa mesma sorte.
Uns días antes da súa morte escribiu un poema destinado ao seu fillo Isaac Díaz Pardo, onde sinalou que “Prendinlle na cabeza do meu fillo/ unha estreliña forxada na irmandá / quero ver brilar a lus desa estreliña/ hasta chegar a cegar. Que vexan os demais nesa estreliña/ a lus da libertá, que vexan que o tesouro máis querido/ o ten o seu brilar”.
E Camilo Díaz Baliño foi asasinado o 14 de agosto de 1936, aparecendo o seu corpo no lugar de Saa, en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, canda o de Sixto Aguirre. A súa compañeira, Antonia Pardo Méndez, tamén militante nacionalista desde 1918, perdeu a cabeza a consecuencia do crime.