Meirás antes de Franco: unha exposición recolle os usos previos do pazo

Inaugúrase hoxe en Sada, baixo o título '[es]pazo Meirás'.
Detalle do cartel (Foto: Concello de Sada)
photo_camera Detalle do cartel '[es]pazo Meirás' (Foto: Concello de Sada)

O Concello de Sada inaugura hoxe unha exposición que compila material gráfico sobre os usos do Pazo de Meirás antes de rematar en mans do ditador Francisco Franco. O seu título é [es]pazo Meirás, e dá conta tamén do proceso democrático de recuperación deste lugar.

A mostra, que organiza a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, poderá visitarse a partir deste domingo na praza Irmáns Suárez Picallo.

A través dunha selección de imaxes e fotografías baseadas na investigación elaborada por Carlos Babío e Manuel Pérez no libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio, a exposición repasa a historia do complexo que foi recuperado para o patrimonio público este mesmo mes, logo do litixio xudicial cos herdeiros do ditador.

A información foi sintetizada e plasmada por membros da Comisión, como historiadores, arquitectos, xornalistas e estudantes, entre outros, e permanecerá en Sada até o 20 de xaneiro.

O contido da exposición chega nun momento de debate sobre o futuro do inmoble. O Concello de Sada rexeitaba xa a pasada semana o 'Plan de usos das Torres de Meirás' presentado pola Xunta, no que se dilúe a referencia ao ditador.

Segundo o alcalde de Sada, Benito Portela, "non se pode falar só de Pardo Bazán. Parece que á Xunta lle molesta a memoria, sobre todo a histórica e democrática, do franquismo, da ditadura, da represión, o que supón unha didáctica parcial e interesada do Pazo. A memoria non é un xardín".

Comentarios