Os nomes do Terror

Mateo Martínez: ‘Non só foi culpábel quen apertou o gatillo, tamén quen deu as ordes’

Mateo Martínez Torres (Ourense,1996) é un dos novos historiadores empeñados en botar luz sobre acontecido na Galiza no período anterior e posterior a 1936. Autor de diversas investigacións sobre a etapa republicana e a represión franquista no Ribeiro, achega agora en Nós Diario un traballo sobre os vitimarios nesa comarca no marco do coleccionábel Os Nomes do Terror. 
Mateo Martínez
photo_camera Mateo Martínez

A dinámica política do etapa republicana remata condicionando o proceso represivo após o golpe militar de 18 de xullo de 1936, como caracteriza a incidencia das diversas correntes políticas e ideolóxicas e a dialéctica política nese período no Ribeiro?

Gústame dicir que o Ribeiro era un oasis progresista nunha provincia etiquetada de conservadora. Nas eleccións de febreiro do 36, a Fronte Popular obtivera uns resultados superiores ao 40% en Ribadavia, Melón ou Carballeda de Avia. Loxicamente, era nestes concellos onde se atopaban as sociedades agrarias e obreiras máis influentes da comarca. A máis forte era a de Ventosela (Ribadavia), que adoptara os ideais socialistas nos anos anteriores á ditadura de Primo de Rivera e participara activamente contra a importación de viños estranxeiros na comarca. 

As da Veiga (Carballeda de Avia) e Francelos (Ribadavia) tamén estaban vinculadas ao socialismo a través da Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra (FNTT) demandando colectivamente a implantación de xurados mixtos no rural e solidarizándose cos traballadores do ferrocarril a través de folgas e paros na labranza. As tres estaban moi vinculadas á Casa do Pobo de Ribadavia, participaban nas festas do primeiro de maio e organizaban mitins socialistas nas súas aldeas. Así e todo, as ideas comunistas foron adoptadas polos sindicatos campesiños de Beiro (Carballeda de Avia) e Macendo (Castrelo de Miño), mentres a sociedade de agricultores de Valdepereira (Ribadavia) tentou inserir o anarquismo e o comunismo libertario no agro ribeirán. 

A Falanxe e os sublevados buscaron impoñer unha tanatocracia e asasinaron a preto de 40 persoas no Ribeiro entre agosto do 36 e febreiro do 37

Polo tanto, o Ribeiro non é só unha comarca gobernada por alcaldes vinculados á Fronte Popular, senón que contaba cun tecido asociativo forte que, se xa existía nos anos previos ao directorio de Primo de Rivera, se estendeu por boa parte das parroquias e pequenas aldeas da comarca durante o quinquenio republicano. Todo isto explica a resistencia ao golpe -pouco efectiva, pero resistencia- acontecida na comarca entre os días 19 e 22 de xullo de 1936. 

Sinala na súa investigación que “coa sublevación, a violencia desatada foi terríbel” no Ribeiro, cos datos que posuímos que nos pode dicir sobre a carácter da represión nesa comarca e o seu alcance? 

Afirmo que foi terríbel porque as dimensión da violencia superan os límites das agresión física e do asasinato. A Falanxe e os sublevados buscaron impoñer unha tanatocracia e asasinaron a preto de 40 persoas no Ribeiro entre agosto do 36 e febreiro do 37. Moitas foron apresadas e trasladadas a diversos centros penais na Galiza- desde o mosteiro de Celanova ao campo de concentración da Illa de San Simón- ou peninsulares. Paralelamente, os condenados a reclusión perpetua eran extraditados ao penal de San Cristóbal (Pamplona); alí, algún ribeiráns como José Bóveda Formigo, destacado militante da agraria anarcosindicalista de Valdepereira, participaron no masivo intento de fuga na primavera do ano 1938. 

Igualmente, as represalias económicas habituais e as multas ascendían ata as 15.000 pesetas. As investigación do historiador ourensán Julio Prada amosan como, despois do de Ourense, o partido xudicial de Ribadavia foi o que contou con máis encartados pola Comisión Provincial de Incautación de Bienes do ano 1937 e o Tribunal de Responsabilidades Políticas de 1939. Case un 12% dos procesados da provincia procederían do Ribeiro, sendo os concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia os máis afectados respectivamente. De igual modo, existen dimensións da violencia máis difíciles de medir como a adscrición forzosa ao exército franquista e, sobre todo, a violencia sexual. Por último, tres veciños da parroquia de Beresmo, no concello de Avión, remataron no campo de refuxiados francés de Le Barcarès e Santiago Durán Durán, veciño de Ribadavia, morreu nun campo de concentración nazi -Mauthausen-Gusen ou Dachau- durante a II Guerra Mundial. 

Quero recalcar, e tamén desmentir, un aspecto da violencia que adoita ser confuso. É común definir esta violencia estival do 36 coma un proceso espontáneo, en quente, que non seguiu ningún tipo de lóxica e na que o exército “deixou facer” a unha Falanxe descontrolada. Todo o contrario. Os rebeldes eran sabedores de que o trunfo do golpe estaba inexorabelmente ligado a desatar unha onda de violencia brutal, pero controlada e dirixida. É por iso que non só foi culpábel quen apertou o gatillo, tamén quen daba as ordes e coordinaba as operacións. Dende o comandante militar da provincia de Ourense, Luís Soto Rodríguez, até cabezas da Falanxe local como José Peña González. 

Recupera no seu traballo a figura do “Abisinio”, un nome que aínda infunde temor nas terras do Ribeiro e cuxa referencia é constante na relación dos vitimarios, mais quen foi realmente e que fixo “O Abisinio”? 

“O Abisinio” é unha figura certamente misteriosa, e esa aura faino aínda máis terrorífico. Pese a todo, que eu saiba non existe ningunha fonte documental que o acredite salvo un texto en Nova Galiza. O propio alcume xa o define como unha persoa malencarada e pouco sociábel. Grazas á memoria oral, sabemos que foi un falanxista asturiano contratado pola Falanxe ribadaviense para facer o “traballo sucio”, é dicir, foi un dos artífices da implantación desa tanatocracia que antes comentaba. 

“O Abisinio” foi un falanxista asturiano contratado pola Falanxe ribadaviense para facer o “traballo sucio”

A memoria oral asegura que o Abisinio matou dun tiro a Luís Abraldes Colmenero, “O Casqueiro”, á porta do Club Artístico de Ribadavia en agosto do 36 diante dun grupo de veciños. Incluso se conta que a brutalidade do Abisinio era tal, que foi asasinado polos mesmos falanxistas ribadavienses que o contrataran. Tamén se di que participou no asasinato de diversas persoas na ponte de Castrelo de Miño. Aquel converteuse nun lugar habitual para o asasinato dos paseados, sendo os seus corpos guindados ao río Miño. Unha historia conta como un home se resistiu a caer e, ao agarrarse con tódalas súas forzas ás vigas da ponte, os falanxistas mallaron cos mosquetóns nos seus cotobelos até que se soltou. Nesta historia inspirouse Manuel Rivas para redactar un emotivo relato na súa obra Os libros arden mal (2006) titulada A labazada dos mortos. 

A persoa do Abisinio introdúcenos na participación no terror das milicias fascistas, que significa delas no aparello represivo no Ribeiro e cal foi o seu papel no asentamento da nova insitucionalidade franquista? 

Ben, como dixen antes, as milicias falanxistas foron a man executora do terror pero non as únicas responsábeis. Diversos propietarios da comarca como os Tarrota, os Mipadre, Antonio Estévez Mosquera ou Pegerto González Rodríguez aproximáronse a Falanxe e lexitimaron as súas accións. Nos días posteriores ao golpe, este último reuniu a un grupo de falanxistas de San André de Camporredondo e dirixiunos cara Beiro, en Carballeda de Avia, onde o Sindicato de Campesinos y Obreros tiña grande influencia. 

Ademais, o destacado falanxista de Castrelo de Miño, Silvio Viso organizou unha centuria poucas xornadas despois da sublevación para dirixirse á fronte de Asturias. A súa morte converteuno no mártir por excelencia do Ribeiro, realizándose un multitudinario enterro no cemiterio de Santa María de Castrelo de Miño captado dun xeito excepcional por Foto Chao. 

A desarticulación do denso tecido asociativo e sindical deu paso a unha masiva campaña propagandística e simbólica a tódolos niveis. No outono do 36, Millán Astray e Miguel Cabanellas visitaron a Ribadavia ao facer unha parada na súa viaxe entre Ourense e Vigo. A súa recepción, a conmemoración de vitorias militares, a reposición dos crucifixos nas escolas ou a reposición da bandeira bicolor sempre se acompañaban de grandes desfiles falanxistas que remarcaban á sociedade ribadaviense quen eran os posuidores do novo poder. Así mesmo, tamén foi frecuente realizar actos fascistas en aldeas da comarca cunha importante tradición asociativa e agrarista, como Ventosela. 

Achégase na súa investigación á relación entre os cregos do Ribeiro e a Falanxe, cando se inicia esa relación e en que se concreta? 

A Falanxe do Ribeiro é bastante residual nos anos anteriores ao 36, polo que poderíamos dicir que os contactos máis fluídos comezan após a vitoria da Fronte Popular. Por exemplo, en Leiro, a Falanxe local medra coa axuda das grandes familias locais e o apoio dos monxes do mosteiro de San Clodio -que tres anos despois se convertería nun campo de concentración-, e os párrocos de Santa María e Santo Estevo de Castrelo de Miño foron detidos xunto a outros falanxistas en maio de 1936. Doutra banda, prodúcense contados casos á inversa: o crego de Melón, Juan Domínguez Pazo, negouse a delatar aos esquerdistas do seu concello pese as presións dos falanxistas. Tamén o cura de San Paio de Ventosela, Francisco Rey, que defendeu a reputación do anarquista Matías Deaño Nogueiras. 

Polo tanto, poderíamos dicir que boa parte do estamento eclesiástico ribeirán avogou por aliñarse coa sublevación e o fascismo. Non é algo, digamos, sorprendente; continuando a lóxica das grandes familias comarcais, participar da articulación do novo poder garantiría conservar os seus privilexios tradicionais no hipotético réxime posterior. Non obstante, todo isto debe encadrarse no contexto local e ser explicado mediante as relación horizontais da comunidade veciñal. 

Comentarios