Lugo terá un busto de Moncho Reboiras: "É un símbolo na loita pola liberdade"

De esquerda a dereita: Rubén Arroxo, Alexandre Penas, Rubén Cela e Suso Seixo. (Foto: Concello de Lugo)
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, mantivo un encontro con Rubén Cela e Suso Seixo, representantes da coordinadora que está a organizar unha serie de homenaxes á figura do nacionalista asasinado pola Policía franquista o 12 de agosto de 1975.

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con Suso Seixo e Rubén Cela, representantes da comisión integrada polas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras, que está a organizar unha serie de actos en lembranza do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo na Galiza. Arroxo anunciou que o Concello de Lugo unirase aos actos de homenaxe que se realizarán por toda a Galiza, colocando un busto coa figura de Reboiras na cidade.

"Desde Lugo apoiamos esta iniciativa uníndonos a outras cidades, como Compostela ou Ferrol, que tamén colocarán un busto coa imaxe de Moncho Reboiras", afirmou Rubén Arroxo.

O tenente de alcalde engadiu que "outras vilas da Galiza tamén formarán parte desta homenaxe á figura dunha persoa que foi asasinada simplemente polos seus ideais". Con esta acción, a Tenencia de Alcaldía lembrará a figura de Moncho Reboiras como unha persoa simbólica na loita "pola liberdade e os dereitos fundamentais".

Ademais, afonda que con estes actos tamén está "promovendo a memoria histórica" mediante unha intervención artística "seguindo a liña que xa vimos executando desde hai anos, lembrando todas as persoas represaliadas polo franquismo o Día da Galiza Mártir ou coa colocación dunha imaxe en lembranza ás persoas represaliadas nun lugar destacado do Cemiterio Municipal".

Arroxo destacou o legado de Moncho Reboiras "unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG".

Tamén lembrou que "non foi até o ano 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como unha vítima do franquismo, a última persoa asasinada polo réxime na Galiza".