Vigo homenaxea Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato

Xavier Moreda, intervindo, e Manuel Reboiras ao seu carón. (Foto: Nós Diario)
O colectivo Memoria, Verdade e Xustiza organizou o acto tan só tres días antes de facerse 50 anos do asasinato en Ferrol do militante da Unión do Povo Galego (UPG) a mans da Policía da ditadura franquista.

Este sábado en Vigo, na praza do Mercado de Teis, tivo lugar un acto de homenaxe a Moncho Reboiras, organizado polo colectivo Memoria, Verdade e Xustiza, tan só tres días antes de facerse 50 anos do asasinato en Ferrol do dirixente nacionalista e militante da Unión do Povo Galego (UPG) a mans da Policía da ditadura franquista.

A contorna do Mercado de Teis é o lugar onde Xosé Ramón Reboiras Noia se criou, onde pasou a súa infancia e adolescencia despois de que os seus pais emigrasen desde o seu lugar natal (Imo, Dodro, O Sar), polo que o lugar escollido para a realización desta homenaxe tivo unha gran carga simbólica.

Homenaxe a Moncho Reboiras no Mercado de Teis. (Foto: Nós Diario)

A cita comezou ás 12 horas (e acabou ás 13.30 horas) con música tradicional en memoria de Moncho Reboiras. Tras a nota artística, Jacobo García foi o encargado da presentación do acto, dando paso á intervención de Xavier Moreda, presidente da asociación Memoria, Verdade e Xustiza, que estivo acompañado da Xunta Directiva.

Tras outra pausa musical, foi a quenda de intervención de Suso Chaves e Alba Mourillos, que precederon unha lectura musicalizada do poema de Manuel María a Moncho Reboiras, a cargo de Luís 'O Caruncho' e Bieito Lobariñas.

Tamén tivo lugar a continuación un recital poético de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, así como unha intervención do histórico político e sindicalista galego Xosé María Brañas, quen fora camarada de Reboiras, ademais de torturado e apresado en agosto de 1975, cando Reboiras foi asasinado, tras o que estivo encarcerado até 1977.

Brañas lembrou a importante figura de Reboiras, destacando o seu valor e a súa calidade humana, o seu compromiso político e social e, sobre todo, o seu legado a unha Galiza actual que conta cun sindicalismo propio de carácter nacionalista.

Intervención de Xosé María Brañas. (Foto: Nós Diario)

Neste sentido, lembrou que Reboiras tiña moi claro que era necesario organizar a clase traballadora e dotar Galiza de ferramentas propias a través da creación dun sindicato propio e nacionalista, algo central na creación do que sería a fronte obreira e os primeiros xermes sindicais que darían lugar á creación do Sindicato Obreiro Galego.

Non faltou tampouco a esta cita o irmán de Moncho, Manuel Reboiras. A música tradicional volveu ser protagonista para clausurar o acto.