Localizan un "posíbel" castro aínda sen catalogar no concello de Trazo

Tanto a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza como o Concello de Trazo xa recibiron notificación do achado.
O castro atópase cuberto por unha carballeira na parroquia de Chaian, no concello de Trazo. (Foto: Gentalha do Pichel)
photo_camera O castro atópase cuberto por unha carballeira na parroquia de Chaian, no concello de Trazo. (Foto: Gentalha do Pichel)

A asociación Gentalha do Pichel vén de facer pública a "posíbel" descuberta dun castro no concello de Trazo, á altura da parroquia de Chaián, que estaba aínda sen catalogar.

A descuberta, segundo detalla a asociación nun comunicado, levouna a cabo un membro da comisión de Historia da Gentalha do Pichel ao que, "afeito a procurar modificacións humanas na paisaxe, non lle pasaron por alto as estruturas que se atopan no lugar de Tertemile", nunha zona de chaira a "270 metros de altitude na veiga do Tambre".

Segundo describe o comunicado, a construción, duns 120 metros de diámetro, está cuberta por unha carballeira. A persoa que o descubriu afirmou que "semella parcialmente arrasado nos seus bordes norte sur e leste", mentres que o parapeto do este seguiría a manter un bo estado de conservación.

Segundo este membro da Gentalha, unha pista de concentración parcelaria na cara norte deste castro afectou parte do parapeto, polo que é a zona de mellor acceso ao interior do mesmo.

Castro sen catalogar

O colectivo detalla que unha vez descuberto, o integrante da comisión de Historia comprobou que non se atopaba entre os 100 castros catalogados da comarca de Santiago de Compostela, dos que 17 atópanse no concello de Trazo, "que teñen en común o seu total abandono e o ser ignorados polas administracións públicas".

Neste sentido, a Gentalha do Pichel sinala que tanto a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza como o Concello de Trazo xa recibiron notificación do achado para que procedan coa catalogación do castro, "primeiro paso para a súa protección".

Asemade, considera necesarias outras actuacións para a posta en valor e difusión do resto de castros do concello e do conxunto da comarca. "E por suposto, non é só un traballo dos poderes públicos; o patrimonio interpélanos como pobo sobre a nosa historia e como coidamos comunitariamente a nosa herdanza", engade.

O colectivo pídelle as administracións públicas que "abandonen o monocultivo turísitico e cultural arredor do Camiño de Santiago e da catedral para estudar, protexer e difundir outros patrimonios da comarca, como o prehistórico, doutros períodos históricos ou o patrimonio industrial".

Comentarios