Localizadas as familias de Mariano Blanco e Baldomero Vigil-Escalera, dous dos asturianos fusilados en Celanova en 1939

84 anos despois dos asasinatos, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova logra contactar cunha bisneta de Mariano e unha sobriña de Baldomero, que mostraron a súa disposición a someterse ás probas de ADN.
Mariano Blanco (sentado, no centro), xunto a, entre outros, Acracio Bartolomé (sentado, á esquerda), director do xornal 'CNT' en 1937, e Eleuterio Quintanilla (de pé, segundo pola dereita), destacado líder anarquista. (Foto: Cedida)
photo_camera Mariano Blanco (sentado, no centro), xunto a, entre outros, Acracio Bartolomé (sentado, á esquerda), director do xornal 'CNT' en 1937, e Eleuterio Quintanilla (de pé, segundo pola dereita), destacado líder anarquista. (Foto: Cedida)

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de informar do achado esta mesma semana doutras dúas familias dos asturianos presos na Prisión Central deste municipio e asasinados, por un pelotón de fusilamento da Bandera de Falange de Marrocos, na mañá do 22 de setembro de 1939 contra o muro oeste do cemiterio. As familias foron localizadas grazas a unha investigación da Dirección Xeral de Memoria Democrática do Goberno de Asturias que dirixe Begoña Collado Villa e á mediación dunha xornalista da Radio Televisión Pública de Asturias, Patricia Martínez, que esta semana contactaron con familiares de Mariano Blanco González e Baldomero Vigil-Escalera Vallejo.

Oitenta e tres anos despois daqueles asasinatos, e recuperados os corpos dos sete en decembro de 2022, foron identificados mediante probas de ADN e entregados ás súas familias os restos de Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez Del Busto, que xa descansan en panteóns familiares en Xixón.

Mariano Blanco González tiña 36 anos cando foi fusilado aquela mañá de setembro do 39 no cemiterio de San Breixo. Era membro da CNT, secretario xeral do Sindicato de Artes Gráficas asturiano e secretario de redacción do xornal CNT. Participara na Revolución de Asturias de 1934, marchou a Zaragoza e regresou en 1936. Segundo a documentación do consello de guerra, era unha "persoa imprescindíbel na retagarda 'vermella'; chegando a desempeñar o cargo de conselleiro municipal" en Xixón.

Á esquerda, comunicación das execucións dos condenados na 'Causa 5597' en setembro de 1939; á dereita, sinatura dos condenados das sentenzas após o xuízo en Camposancos un ano antes.
Á esquerda, comunicación das execucións dos condenados na 'Causa 5597' en setembro de 1939; á dereita, sinatura dos condenados das sentenzas após o xuízo en Camposancos un ano antes.

Foi apresado no mar, no buque Llodio, o 21 de outubro de 1937, desembarcado en Cedeira e trasladado a Camposancos, onde foi sometido a xuízo en xullo de 1939 xunto a Ángel Rimada Rodríguez, Manuel Miguélez Rodríguez, Eloy García González, Baldomero Vigil-Escalera, Benito Reinares Hervias, Abelardo Suárez del Busto, Isolino Hermo Blanco, Benjamín Espinedo Álvarez e Bernardo Cabañas Pedrayes. Naquel xuízo houbo seis condenas a morte, para Ángel, Baldomero, Benito, Abelardo, Benjamín e Mariano. Os seis foron trasladados á Prisión Central de Celanova a finais de xaneiro de 1939.

Baldomero Vigil-Escalera Vallejo tiña 19 anos cando foi fusilado. Era membro da CNT, no se expediente figura como pintor de oficio e traballador da Fábrica de Gas. Na caída de Xixón foi preso no buque Gaviota o 20 de outubro de 1937, e condenado a morte en Camposancos na 'Causa 5597' —polo número de expediente do encausado Ángel Rimada—.

Mariano, Abelardo e Baldomero morreron aquela mañá do 22 de setembro canda os outros catro —Marcelino, Alfonso, Guillermo e Belarmino—. A Ángel, Benito e Benjamín conmutóuselles a pena de morte o 26 de setembro de 1939. Recibiron a comunicación en Celanova en febreiro de 1940.

Traballos de exhumación en decembro de 2022.
Traballos de exhumación en decembro de 2022.

Agora, oitenta e catro anos despois, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova puido porse en contacto con familiares de Mariano Blanco e Baldomero Vigil-Escalera. En concreto, cunha bisneta do primeiro (Brenda) e cunha sobriña do segundo (Pilar). Ambas as dúas mostraron a súa disposición a someterse ás probas de ADN en contacto con Fernando Serrulla, antropólogo forense que fai parte do equipo coordinado por Histagra que se encarga dos traballos ao redor da fosa dos asturianos de Celanova.

O comité avanza que seguirá na procura de familiares dos outros tres homes cuxos restos foron rescatados: Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García e Guillermo de Diego Álvarez. Aliás, este sábado, día 14, presentará na Casa de Curros en Celanova (12 horas) o libro Investigación histórica, exhumación y análisis de los restos de la fosa de Celanova. La fosa de los asturianos, da man de Fernando Serrulla, que coordinou a publicación; Mario Vila, director da empresa Tempos Arqueólogos; e Hixinio Araúxo, secretario co comité, autores os tres, entre outros, do libro.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios