José Antonio, Franco ou Carrero Blanco están vivos no mapa da rúas galegas

A pesar de que a Lei de Memoria Histórica obriga a retirar a simboloxía franquista, en Galiza hai case unha trintena de rúas, prazas e avenidas con nomes de personaxes históricas relacionadas co franquismo.

generalisimo2

O franquismo aínda non desapareceu en Galiza, polo menos do rueiro dalgunhas das súas vilas e cidades. Unha listaxe que o goberno español achegou a Compromís en resposta á petición formulada nas Cortes españolas pola organización política valenciá debulla unha a unha pegadas do franquismo no rueiro do Estado español. Unha relación de prazas, rúas, avenidas adicadas a Franco, José Antonio, Millán-Astray, General Mola e outros golpistas.

Case unha trintena de rúas e prazas de vilas e ciudades galegas figuran nesa listaxe. Hai concellos, como San Cristovo de Cea, Melón ou A Coruña, que aparecen máis dunha vez. Un récord que taesoura Beariz, con catro rúas e prazas adicadas a personalidades do franquismo.

Beariz, ten catro rúas e prazas adicadas a personalidades do franquismo. Neste pequeno concello de pouco máis de mil habitantes sempre gobernou a dereita cunha amplisima maioría: Na actualidade, o PP ten 8 dos 9 edís da corporación.

Nese relatorio proporcionado polo goberno español recóllense 12 espazos públicos adicados a Calvo Sotelo, sen sequer precisar na resposta a Compromís se se refire a José Calvo Sotelo, asesinado días antes do inicio da Guerra Civil. A Coruña, Lourenzá, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Beariz, O Carballiño, Melón, San Cristovo de Cea, A Estrada, Agolada ou Tui teñen no seu rueiro unha praza, rúa ou avenida adicada a Calvo Sotelo.

Primo de Rivera ten unha Avenida na Coruña e José Antonio é honrado no rueiro de sete vilas galegas. Melón, Sarria e San Cristovo de Cea teñen unha Rúa José Antonio. Xunqueira de Ambía tenlle adicada unha praza ao fundador da Falange. Mais Beariz é quen leva a palma: ten Avenida José Antonio e Praza José Antonio.

Co título co que o franquismo gostaba designar a Franco, El Generalísimo, hai tres designacións no rueiro galego segundo a listaxe do goberno español. Beariz ten unha rúa con esta denominación, e Agolada e Porriño teñen cadansúa Praza del Generalísimo.

Para poñer o ramo, e embora non se citar na listaxe que estamos mencionando, na Laracha hai unha rúa dedicada a Carrero Blanco, golpista de primeira hora, home de confianza de Franco que foi ministro e vicepresidente do réxime franquista, morto nun atentado de ETA en 1973.

Beariz, zona cero

Beariz acumula tres rúas e unha praza na memoria de personaxes históricas relacionadas co franquismo. Neste concello de apenas 1.200 habitantes a dereita goberna cunha ampla maioría desde as primeiras eleccións municipais após a morte de Franco. En abril de 1979, a CD -construída en torno a Alianza Popular- obtivo 5 concelleiros e UCD, 4.  A esa cita só concorreu unha lista de esquerdas, a do Partido dos Traballadores de Galiza, que logrou 3 votos. Desde entón, a dereita goberna con ampla maioría. Inclusive en catro lexislaturas (1995, 1999, 2003 e 2007) tiñan todos os concelleiros (9) da corporación. Na actualidade, teñen 8. O único edil da oposición foi eleito pola candidatura de Son-Beariz.

Comentarios