Institucións e iniciativas sociais xúntanse para impedir a apoloxía do franquismo en Meirás

A Deputación da Coruña, concellos da Coruña e Sada e iniciativas pola memoria suman forzas para impedir a apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás. Participaron nunha xuntanza convocada na Deputación da Coruña na que se tomaron acordos encamiñados tamén a iniciar o proceso para recuperar o BIC para o patrimonio público.

IMG_09082017_112241
photo_camera Xuntanza esta mañá na Deputación da Coruña

O primeiro acordo que se tomou nesta xuntanza é a realización dun informe para poñer fin á detentación pola familia Franco da propiedade do Pazo e a súa incorporación ao patrimonio público. Incluirá un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco.
 
Á xuntanza, convocada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, a partir da xestión por parte da Fundación Franco das visitas do Pazo de Meirás, asistiron o deputado e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; ademais do alcalde de Sada, Benito Portela; o concelleiro de Cultura da Coruña, Xosé Manuel Sande; o vicerreitor da Universidade da Coruña, Alberto Valderruten; e os representantes da Iniciativa Galega da Memoria, Montse Fajardo, Luis Bará e Mila Bouzón, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío, Erik Doaño e Manuel Pérez e o investigador Emilio Grandío, director do proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña. 

Realizarase un informe para poñer fin á detentación pola familia Franco da propiedade do Pazo e a súa incorporación ao patrimonio público, ademais dun estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo


No transcurso da reunión tomáronse ademais outros acordos, como apoiar a demanda do Concello de Sada de que sexa dita administración quen xestione as visitas ao Pazo. Tamén instarán á modificación da Lei de Fundacións co obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo. 

Alén disto, reclamarase a aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que, entre outras cuestións, impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao pazo de Meirás e á sua posta en valor asociado á recuperación da memoria história.

E, por último, constituirán unha Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de poñer fin á detentación da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao patrimonio público.