Homenaxe a Leopoldo López Rego: relixioso, nacionalista e avogado de labreg@s nas loitas dos 80

O acto decorrerá o 28 de setembro na Eira da Xoana. Haberá exposicións e coloquios sobre este relixioso, militante da esquerda nacionalista e avogado das Comisións Labregas que finou en febreiro de 2010

A Eira de Xoana e Adega organizan o 28 de setembro un acto de lembranza e homenaxe a Leopoldo López Rego, focense que combinou as súas crenzas cristiáns coa militancia no nacionalismo e un compromiso coas clases populares, nomeadamente cos labregos, aos que como avogado de Comisións Labregas defendeu en múltiples conflitos e loitas.

A Eira de Xoana acolle este acto de lembranza. Ás 14:00 horas haberá un xantar de convivio que, ás 17:00, dará paso á homenaxe. Constará de exposicións de fotografías, vídeos e diferente material sobre a vida e o compromiso de López Rego. Ademais, repartirase entre @s asistentes unha sinopse biográfica e un relato curto escrito polo prpio focense.

No 1975 foi detido pola policía española por acumular propaganda política nun convento melidense

Candidato ao Senado español polo BNPG

Leopoldo Hilario López Rego foi relixioso da orde dos Pasionistas. Candidato ao Senado polo Bloque Nacional-Popular Galego (BNPG) nas eleccións de 1977. Uns anos antes, no tardofranquismo, fora detido por acumular propaganda política no convento melidense onde residía. 

A faceta relixiosa de López Rego complementábase coa de avogado. Como tal defendeu a numerosos militantes das Comisións Labregas e a grupos veciñais en conflitos sociais. O seu compromiso provocoulle moitos enfrontamentos coa xerarquía eclesiástica, que censuraba o seu posicionamento político.Na década dos 80, deixou os hábitos e aprobou unha oposición a secretario de concellos.

Paixón e compromiso

Leopoldo desenvolveu "un importante traballo de carácter político, cultural e social; creou asociacións culturais, órganos de expresión escrita, desenvolveu actividades formativas  -particularmente entre a mocidade-  e agrupou todo o que se movía na comarca de Melide en contra da ditadura", lembraba A. Ansede co gallo do seu pasamento. 

Comentarios