A guerrilla de Arturín

Hai 80 anos, falamos de 6 de agosto de 1942, eran asasinados pola Garda Civil no Barco de Valdeorras catro resistentes antifascistas integrados na Federación de Guerrillas da Galiza e León. A súa morte representou un duro golpe para a primeira resistencia armada no país.

Arturo López Delgado, cando os seus compañeiros Ovidio González Vázquez “O Pollón”, Ildefonso Fernández Seoane “Coñeira” e Manuel Monteserín “Gerardo após ser asasinados. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Arturo López Delgado, cando os seus compañeiros Ovidio González Vázquez “O Pollón”, Ildefonso Fernández Seoane “Coñeira” e Manuel Monteserín “Gerardo após ser asasinados. (Foto:Nós Diario)

6 de agosto de 1942 eran asasinado pola Garda Civil nun piñeiral do lugar da Fervenza, na parroquia de Santa Mariña do Monte, no concello do Barco de Valdeorras, os loitadores antifascistas Ovidio González Vázquez “O Pollón”, Ildefonso Fernández Seoane “Coñeira”, Manuel Monteserín “Gerardo” e Arturo López Delgado “Arturín”.

Segundo testemuño do dirixente guerrilleiro Mario Rodríguez Losada “Mario de Langullo, “falaron cun paisano para que lles levase un garrafón de viño a un piñeiral, a pesar de que os avisaran de que non se fiasen daquel tipo, que non tivesen ningunha relación con el, xa que todo o mundo estaba convencido de que era un confidente da Garda Civil. Pero eles non fixeron ningún caso…”

“Levoulles o garrafón iso si, pero despois foi dereitiño ao Barco que estaba a uns sete quilómetros para delatalos. Os catro comeron, beberon e beberon e despois durmiron a mona. Chegaron os gardas e asasináronos alí mesmo”, continúa a crónica de Langullo, que puxo o foco no papel dos confidentes no operativo de loita contra a guerrilla.

O responsábel do grupo Arturo López Delgado (Vilamartín de Valdeorras 1901, O Barco de Valdeorras 1942), era naquela altura como xefe dunha unidade da Federación de Guerrillas de Galiza e León e facía parte da resistencia armada desde mediados de 1939, cando se incorporou a guerrilla do Santeiro, unidade de maioría libertaria dirixida por Serafín Fernández Ramón “O Santeiro” que operaba na Galiza estremeira, situándose posteriormente entre o grupo de fuxidos reunidos nas montañas de Casaio que tentaron pasar a Portugal

A militancia de “Arturín” remóntase a maio de 1934, cando se afilia á sección local do Partido Galeguista de Vilamartín de Valdeorras. Precisamente nese ano, este labrego da parroquia de Correxais vai acadar certo relevo nas importantes mobilizacións agrarias que se viven nas terras de Valdeorras

A folga do peso de 1934

O mes de xuño as traballadoras e traballadores agrícolas de Valdeorras decláranse en folga esixindo o cumprimento  das condicións laborais fixadas na lexislación republicana e fundamentalmente a suba nunha peseta, de 4 a 5, no salario dos xornaleiros vitivinicolas.

A convocatoria, que precisamente por iso será lembrada como “a do peso”,  convoca a milleiros de persoas en diversos actos de protesta que se iran radicalizando a medida que se alonga o conflito, derrotado finalmente unha vez que o Ministerio de Gobernación a declara ilegal, suspendendo as garantías constitucionais, estabelecendo a censura previa e ordenando o uso indiscriminado da forza pola Garda Civil.

Arturo López Delgado, canda outras persoas do seu Concello coma Antonio López Fernández “O Corchas”, estará presente no enfrontamento contra o crego José Courel que tentaba evitar que se tocasen as campás da igrexa da Portela para convocar aos

A loita continua

A consecuencia da represión que segue a este conflito, como algúns xornaleiros da zona, veuse obrigado a fuxir da comarca, ocupándose como mineiro nas terras do Bierzo, onde se afiliou a CNT, anteriormente facía parte dunha sociedade agraria vinculada a UGT claramente hexemónica entre os traballadores da terra de Valdeorras, regresando a Correxais a principios de 1936.

O 21 de xullo, recibida as noticias de que un grupo de gardas civís e falanxistas procedentes da Rúa tentaban tomar Vilamartín, fai parte do grupo de demócratas que lles fan fronte durante catro horas na entrada da vila até que rematan a munición, agochándose posteriormente nos montes próximos e participando.

Catro días máis tarde, canda outros fuxidos, participa  na celebración do Día da Patria Galega  no lugar de Porto de Río con cancións patrióticas. Unha vez clarexada a situación escapa a Asturias, onde se vai unir ao Exercito Popular, se ben descoñecemos cal foi o seu papel na fronte de guerra, si sabemos que unha vez derrotas das forzas democráticas é detido polos fascistas permanecendo en prisión até 1939.

Precisamente, a partir deste momento comeza a loita noutras terras, unha loita que so rematou coa súa morte hai 80 anos.

Comentarios