O Goberno español iniciará a vindeira semana os expedientes para declarar 'Lugares de memoria' San Simón e Meirás

O Concello de Lugo agarda que o Vello Cárcere se poida sumar a esta denominación.

Durante oito décadas os Franco atesouraron numerosas obras de arte e pezas históricas no  pazo de Meirás, espoliadas durante a ditadura. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Durante oito décadas os Franco atesouraron numerosas obras de arte e pezas históricas no pazo de Meirás, espoliadas durante a ditadura. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Goberno do Estado español iniciará, a vindeira semana, os expedientes para declarar lugares de memoria histórica a illa de San Simón e o Pazo de Meirás.

Así o anunciou esta quinta feira José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, nunha visita ao Vello Cárcere de Lugo onde estivo acompañado, entre outros, da portavoz do Goberno local, Ana Abelleira. Precisamente, o Concello de Lugo agarda que este inmóbel poida alcanzar tamén a mesma consideración.

Os socialistas lembraron que a declaración de Meirás e San Simón como lugares de memoria será "só un primeiro paso" dentro dunha política máis ampla de recoñecemento a espazos significativos da represión franquista na Galiza. Entre eles sitúan o propio cárcere lucense, que aspira a consolidarse como centro de referencia da memoria democrática.

O PSdeG enmarcou este anuncio nunha aposta máis xeral pola recuperación do patrimonio arquitectónico e inmaterial vinculado á loita pola liberdade. Ao seu ver, recoñecer oficialmente estes lugares é unha forma de reparar simbolicamente as vítimas e as súas familias, ademais de constituír unha advertencia cara ao futuro para que non se repitan períodos de violencia e represión.

O portavoz socialista explicou que o obxectivo da declaración é dignificar a memoria das persoas represaliadas pola ditadura franquista, pór en valor os edificios vinculados á represión e consolidar a súa función como referentes da memoria democrática.

Abelleira subliñou que no caso do Vello Cárcere, hoxe reconvertido en centro cultural, a simboloxía histórica permanece moi presente, tanto polas condicións nas que foron recluídas centos de persoas como polas pegadas deixadas polas familias que padeceron a represión.

Segundo explicou o PSdeG, a formalización destes expedientes responde á vontade do Executivo estatal de avanzar na preservación e dignificación dos espazos vencellados á represión franquista. No caso de Lugo, sinalaron que o Vello Cárcere constitúe un dos símbolos máis recoñecíbeis da violencia da ditadura, ao acoller durante décadas persoas presas políticas.

Ana Abelleira destacou que a declaración como lugar de memoria permitirá reforzar o valor histórico do inmóbel, que foi recuperado como centro cultural aberto á cidadanía, mais que conserva a pegada da represión. "É un edificio cheo de emocións, que fala de medo, violencia e dor, mais tamén de resistencia e de liberdade", subliñou Besteiro, insistindo en que o recoñecemento suporá un paso decisivo contra o esquecemento.

Na visita ao antigo cárcere lembraron a cela na que figuran os nomes de numerosas persoas represaliadas da cidade e da Galiza. A presenza desa memoria material e inmaterial, engadiron, constitúe unha chamada á responsabilidade institucional para garantir que a historia non sexa borrada nin deturpada.

Os socialistas alertaron tamén sobre o aumento das actitudes negacionistas en relación coa ditadura e coa represión franquista, e advertiron de que conviven "con demasiada naturalidade" con posicións políticas da dereita española. "Debemos confrontar esas visións e non mirar para outro lado", afirmaron, reivindicando a importancia de promover lugares de memoria democrática que transmitan ás novas xeracións a relevancia da defensa da liberdade e da igualdade.

Críticas á Xunta da Galiza

O PSdeG aproveitou para criticar a actitude da Xunta da Galiza en relación coa illa de San Simón, onde nos últimos anos se autorizaron festas privadas que, ao seu ver, resultan incompatíbeis coa súa condición de espazo de memoria. Consideran que eses usos "denigran" o significado histórico da illa e instan o Goberno galego a implicarse activamente neste proceso de recoñecemento, no canto de "mirar para outro lado".

A formación socialista pide que os partidos políticos se sumen "con decisión e determinación" a apoiar que estes lugares sexan declarados de memoria histórica. "Especialmente o PP, que mira moi de esguello esas actitudes negacionistas, das que fai moitas veces de cómplice", dixo Besteiro.

Comentarios