O Galo redescobre a Compostela de hai cen anos cun ciclo de actividades
A Agrupación Cultural O Galo abriu esta cuarta feira, na Libraría Couceiro da capital galega, o ciclo ‘Santiago de Compostela 1923-1936’ cunha palestra a cargo do historiador Rafael García Ferreira. Co título ‘Sociedade, política e sindicatos en Santiago’, a intervención centrouse nos profundos cambios vividos pola cidade desde a ditadura de Primo de Rivera até a chegada da II República, e marcou o inicio dunha programación que se estenderá até outubro.
O ciclo afondará nun período escasamente tratado da historia compostelá. Segundo apunta a Nós Diario María Antonia Pérez, presidenta do Galo, “nunca se falara con este detalle da Compostela dese tempo”. O ciclo, organizado coa colaboración do Concello de Santiago, ofrece unha perspectiva multidisciplinar da cidade entre 1923 e 1936, a través de conferencias, andainas e visitas guiadas.
O relator da xornada inaugural, Rafael García Ferreira, é doutor en Historia Contemporánea pola USC, colaborador do grupo Histagra e especialista na II República española e na violencia derivada do golpe de Estado do 1936. Na súa intervención, destacou como o paso do sistema da Restauración e dun réxime autoritario, como o de Primo de Rivera, a unha democracia como a republicana tivo consecuencias directas na vida política, social e sindical da capital galega.
A palestra puxo o foco na transformación do persoal político, nas novas políticas locais e na reorganización institucional que trouxo a República. García Ferreira sinalou que o período republicano abriu un escenario novo para a cidadanía, especialmente en termos de participación política, pluralidade ideolóxica e dereitos laborais. Outro dos puntos destacados na palestra foi a anexión do Concello de Conxo ao de Santiago, exemplo claro dos procesos de reconfiguración administrativa que se viviron neses anos. Tamén se referiu ao crecemento do tecido asociativo, á relevancia dos sindicatos de clase e á aparición de novas forzas políticas que puxeron en cuestión o statu quo anterior.
Palestras e andainas
O ciclo continuará o vindeiro 27 de maio cun novo encontro, titulado ‘A economía en Santiago’, a cargo do economista e profesor Xoán Carmona.
