Conxo celebra a súa VI Festa do Banquete cun programa que mestura memoria, cultura e comunidade

A praza de Aurelio Aguirre e a carballeira de Conxo volverán ser o centro das actividades dunha edición que reafirma o seu espírito participativo

María Rozas e Pilar Lueiro este 14 de maio. (Foto: Concello de Santiago)
María Rozas e Pilar Lueiro este 14 de maio. (Foto: Concello de Santiago)

O barrio compostelán de Conxo acollerá entre o 23 e o 25 de maio a sexta edición da Festa do Banquete de Conxo, unha iniciativa que procura manter viva a memoria do xantar obreiro-estudantil de 1856, símbolo de fraternidade, xustiza social e defensa do común. A festa, organizada polo Concello de Santiago, pon no centro o protagonismo veciñal e as formas de cultura popular como ferramentas de encontro e afirmación colectiva.

A programación comezará a sexta feira 23 cos tradicionais Cantos de Taberna, que mobilizarán grupos de música tradicional por diferentes bares do barrio. O sábado estará marcado polo paseo literario 'As voces do bosque', guiado por Henrique Alvarellos, e polas múltiples actividades na praza Aurelio Aguirre, que inclúen un mercado do libro, mostra de artesanía e espectáculos para público infantil.

A xornada central será o domingo 25, coa recreación do histórico desfile de estudantes e artesáns, que sairá da praza do Toural rumbo á carballeira de Conxo. Alí celebrarase o xantar popular, precedido polo pregón das parroquias convidadas —Aríns e Figueiras— e seguido dunha romaría con música, brindes veciñais e un pregón de feche a cargo da escritora Teresa Moure.

A programación inclúe tamén unha oferta pensada para a mocidade, como a festa da poesía conducida por Claudia Pino, con intervencións de poetas novas e actuacións musicais. A presenza do tren do Banquete, decorado para a ocasión, facilitará os desprazamentos entre a Alameda e o barrio de Conxo.

Desde a área de Festas salientan que a festa “non esquece as súas orixes reivindicativas”, recuperando a memoria do antigo concello de Conxo e reforzando o seu patrimonio cultural e natural como sinais de identidade. A organización convida a asistir ataviadas con roupa da época para enriquecer a posta en escena.

A edición deste ano coincide co centenario da anexión do antigo concello de Conxo a Santiago, efeméride que será lembrada cun acto institucional o 15 de maio, con saída simbólica da corporación desde o Obradoiro até o claustro do antigo convento mercedario, e intervencións da veciñanza e do mundo académico.