Un mapa interactivo recompila as fosas da Guerra Civil e o franquismo, un cento delas na Galiza

Un mapa web navegábel permite coñecer a súa localización.
mapa
Un fragmento do mapa coa localización das fosas. (Foto: RTVE)

A Secretaría de Estado de Memoria Democrática, o Instituto Cervantes e RTVE presentaron esta cuarta feira o proxecto 'O país das 6.000 fosas', un mapa interactivo que reúne a localización de miles de enterramentos de asasinados durante a Guerra Civil e a ditadura no Estado español, cun cento delas na Galiza.

'O país das 6.000 fosas', páxina web navegábel en RTVE, reflicte o mapa do Estado a través duns puntos que marcan as fosas existentes e rexistros de fosas que existiron. Pódese navegar e pódese buscar por concello, provincia, nome de fosa ou nome da vítima, a condición de que estea no Censo de Vítimas da Secretaría de Estado, tal e como explicou esta cuarta Paula Guisado, xefa da unidade de datos de RTVE.

"O mapa que mostramos é unha inmensa masa de puntos. É difícil atopar unha zona despexada de fosas comúns no Estado, onde non é posíbel estar a máis de 50 quilómetros dunha fosa común. Non importa en que municipio esteamos porque hai unha fosa a menos de 50 quilómetros. O mapa é como unha foto histórica de longa exposición", explicou Guisado.

Para os datos das vítimas asociadas a cada fosa usouse o censo de vítimas da Secretaría de Estado, que inclúe información de perto de 67.500 persoas, máis de 40.000 vinculadas a algunha das fosas. 

Durante a procura pola web, hai algunhas historias destacadas de vítimas da ditadura. Por exemplo, moitas destas historias teñen que ver con mulleres que tamén sufriron "represión", a pesar de que os asasinatos representan unha proporción menor que a dos homes. "Elas sufriron unha represión que incluía agresións sexuais, humillacións públicas e que a miúdo só viñan motivadas por ser esposas, nais, fillas ou irmás da vítima masculina", sinalou Paula Guisado.

Comentarios