xoves 26/11/20
'Os nomes do Terror'

Eliseo Fernández: "Suanzes estableceu un réxime de terror en Ferrolterra"

Eliseo Fernández Fernández (Ferrol, 1967) é autor dunha abondosa bibliografía sobre os movementos sociais, a II República e a represión. Conversamos con el en relación seu traballo sobre o papel de Victoriano Suanzes no operativo represivo en Ferrolterra e que se publica no coleccionábel Os nomes do Terror.

Eliseo Fernández
Eliseo Fernández

A sombra do Terror en Ferrolterra. A actuación represiva de Victoriano Suanzes é  o título do seu traballo para o coleccionábel Os nomes do terror. Pero quen foi realmente Victoriano Suanzes?

Victoriano Suanzes era un capitán da Garda Civil, membro dunha coñecida familia ferrolá de forte tradición militar. Estivera destinado en Ferrol no período republicano e fora trasladado a Calahorra pola súa implicación en conspiracións golpistas previas á sublevación de xulio de 1936. Cando tivo lugar o golpe de Estado, Suanzes veu a Ferrol e o seu antigo compañeiro de conspiracións o gobernador civil e delegado de orde pública da Coruña, Florentino González Vallés, nomeouno delegado de orde pública de Ferrol. Desde o seu posto de delegado e en cooperación co novo xefe da policía, o artilleiro José María Pagola Birebén, Suanzes estableceu en todo o norte da provincia da Coruña un réxime de terror, que traballou na eliminación física das persoas que destacaran polo seu activismo social na II República. 

Malia que a finais de outubro de 1936 Suanzes foi cesado no cargo de delegado de orde pública en Ferrol, en 1937 foi nomeado delegado de orde pública da Coruña, o que ven significar un recoñecemento do seu traballo anterior en Ferrol. Nesta nova etapa a súa actuación non foi tan sanguenta como a que tivera en Ferrol, aínda que non estivo exenta de violencia represiva. Até a súa morte nos anos 60, Suanzes continuou desempeñando altos cargos na Garda Civil, foi recibido en varias ocasións en audiencia polo ditador Franco e mesmo integrou unha misión internacional para adestrar á policía peruana na ditadura de Odriá nos anos 50.

Sinala na súa investigación que “máis da mitade dos asasinatos e practicamente o 90% das execucións extraxudiciais cometidas na comarca de Ferrol nos tres anos de guerra tiveron lugar nos dous meses e medio de Suanzes como delegado de Orde Pública”, que explicación lle dá a iso?

Creo que a intensidade da represión nestes dous meses e medio é ilustrativa dun feito relevante, que é o de que a salvaxe represión inicial foi o resultado dunha serie de decisións tomadas de modo xerárquico polos sublevados. O Goberno de Burgos nomeou González Vallés, este delegou en Suanzes para a zona de Ferrol e o propio delegado de orde pública organizou ás súas ordes á Garda Civil, á Policía e ás milicias executoras da represión. A represión mortal estivo concentrada neste período por unha vontade de xerar un clima de terror que eliminara físicamente aos opositores, paralizara calquera iniciativa de resistencia e sentara as bases dun novo Estado totalitario. 

O terrorismo, entendido na súa acepción de goberno polo terror, foi exercido polo aparato estatal a través dos delegados de orde pública ao mando da garda civil, policía e as milicias

O terrorismo, entendido na súa acepción de goberno polo terror, foi exercido polo aparato estatal a través dos delegados de orde pública ao mando da garda civil, policía e as milicias.

Mediante as sacas dos cárceres, os paseos de xente inmediatamente despois de ser detida, as malleiras, as humillaciońs, as violacións e a extorsión, eliminou fisicamente ás persoas opostas ao réxime e evitou que moitas outras persoas tivesen a tentación de facer calquera actividade de oposición ou manifestase ideas contrarias ás impostas polo novo estado.

No período de Suanzes en Ferrol houbo unha enorme cantidade de mortes e ademais a maior parte dos asasinatos foron realizados fóra de calquera xustificación legal. A represión exerceuse con impunidade e case con exhibicionismo, informando na prensa da realización das sacas e esgrimindo motivos completamente incríbeis. Non estamos, pois, falando de incontrolados, senón dun aparato de Estado que durante un período de tempo está entregado á misión principal de asasinar aos disidentes.

Suanzes non foi un caso aíllado na actuación da Garda Civil na comarca de Ferrolterra, vostede mesmo cita a outros membros do corpo como Gerardo Casanova, Manuel Cebral, Abraham Uzal, Isidro García Teso comprometidos en accións represivas, que significaría do papel da Garda Civil na comarca?

As informacións de prensa que dan conta das sacas dos cárceres inclúen o nome destes gardas civís, informando de xeito reiterado que son estes gardas os que retiran aos presos dos cárceres e os asasinan aducindo tentativas de fuxida. A presenza da Garda Civil daba carácter oficial aos asasinatos, malia que tamén participaran neles milicianos e outros corpos de seguridade e demostra o papel dos gardas civís na dirección, supervisión e execución dos asasinatos políticos. González Vallés e Suanzes dirixían a represión, os suboficiais e os números da garda civil se encargaban de levala adiante. Os seus nomes eran temidos en toda a bisbarra pola súa violencia e un deles, Gerardo Casanova, mesmo foi coñecido como “O dos cen” por atribuírselle a participación en máis de cen asasinatos.  

Ademais da Garda Civil hai outros actores implicados na represión política, en relación con estes que nos pode dicir do labor do corpo de milicias organizados polos falanxistas e outras formacións da dereita?

A Falanxe tiña certa forza en Ferrol, mais ficou descabezada nos tempos iniciais despois do golpe pola morte en accidente de automóbil de Manuel Rodríguez Sanjurjo, o seu líder máis destacado. Como consecuencia, o papel inicial de Falanxe non puido ser de ningún modo director no proceso represivo; as milicias formáronse apresuradamente despois do golpe militar e xogaron un papel auxiliar na execución da represión paralegal. A idea de que falanxistas e outras milicias dereitistas actuaran por libre non se corresponde coa realidade. A imaxe dos “incontrolados” resulta inconcibíbel no Estado totalitario que se estaba conformando, e unicamente puideron darse “excesos” das forzas de orde pública e das milicias, pero sempre dentro dunha organización xerarquizada e no marco dunha política represiva organizada globalmente desde Burgos. Do mesmo xeito, e con respecto a outras zonas é posíbel distinguir grados na participación da Falanxe na represión en función do entusiasmo dos diferentes tipos de axentes actuantes, mais é posible constatar que os grupos executores e os roteiros represivos foron moi semellantes en toda a zona sublevada. 

Por outra banda, mais que falar da Falanxe como a forxadora da ditadura e a súa política represiva, en certa medida se pode considerar que a organización fascista española foi máis ben a resultante dun proceso de represión sobre a poboación xeral que levou á destrución do tecido societario previo e á imposición como alternativa do partido único e do sindicalismo vertical. Un proceso no que a Falanxe participou, mais no que tamén tomaron parte outros axentes, como o exército e a represión pola xustiza militar, as forzas e corpos de seguridade coa súa represión extraxudicial e a igrexa ofrecendo cobertura moral a todo o proceso represivo. 

Explica no seu traballo que unha das razóns do cese de Suanzes como delegado de Orde Pública en Ferrol foi o asasinato do  crego de Monfero, Andrés Ares Díaz, pero á marxe deste caso cal foi o papel da igrexa no conglomerado represivo?

O asasinato dun crego foi un exceso que probabelmente causou problemas fronte ás autoridades eclesiásticas, e algunhas testemuñas indican que esa foi a causa de que, pouco tempo despois, Suanzes fora cesado como delegado de orde pública, aínda que ningún dos asasinos foi xulgado nin tan sequera padecera represalias... Canto ao papel da igrexa na represión, nalgunha ocasión se ten falado dalgún crego de Ferrol que tería participado en xuntanzas nas que se decidía o nome das persoas a asasinar, mais a falta de probas concluíntes sobre unha implicación persoal da igrexa na represión, si que é posible constatar a súa complicidade co novo réxime e coas súas políticas represivas, das que foi enormemente beneficiada. Entre os membros da igrexa en Ferrol é interesante lembrar tamén o papel do mercedario Fermín Álvaro, relacionado coa familia de Victoriano Suanzes, que exerceu de capelán de Falanxe e participou en numerosos actos públicos; el foi ademais o intermediario para a conversión falanxista do futuro escritor Gonzalo Torrente Ballester.

comentarios