Frank Domínguez: "Domínguez convértese nos anos 30 no mecenas do nacionalismo galego"
O servizo de publicacións da Deputación de Lugo vén de sacar a rúa nunha coidada edición o volume Francisco Domínguez Mosquera, onde se recolle a biografía deste relevante nacionalista e filántropo morto en 1937 no exilio en Cuba, popularmente coñecido por Pancho da Barrela. O autor do libro e neto do biografiado, o profesor da Universidade de Carolina do Norte, Frank Domínguez, achega aos lectores de Nós Diario a figura de Francisco Domínguez Mosquera.
Francisco Domínguez foi unha persoa que se fixo na emigración cubana, que destacaría destas primeiras décadas da súa vida en Cuba e que representou Cuba na súa toma de conciencia social?
Na Habana, o meu avó aprendeu o valor do esforzo e da disciplina, pasando de dependente a formar parte do “alto comercio” grazas ao seu traballo en Pont, Restoy e, máis tarde, como propietario dunha prominente casa de importación e de bens raíces. Pero o esencial non foi só o seu ascenso económico, senón a súa participación no Centro Galego e a conciencia social que desenvolveu no asociacionismo galego. Ambos feitos fixéronlle comprender que a prosperidade individual debía reverter en beneficio colectivo. A experiencia dunha república moderna mostroulle o contraste cunha Galiza rural marcada polo analfabetismo e o caciquismo, e foi o seu o seu espertar cívico.
A historia social e política de Carballedo e da comarca de Chantada nos anos 30 non se explica sen o papel de Domínguez. Que sinalaría da súa participación na loita pola democratización e contra o caciquismo na zona?
Nos anos 30, a historia social e política do sur de Lugo non pode entenderse sen a súa figura. Ao seu regreso durante a Segunda República, implicouse activamente desde posicións galeguistas e democráticas. Fundou e presidiu o Sindicato Agro-Cultural de Carballedo, dotándoo de local e tenda agrícola, promovendo a organización campesiña fronte ao poder caciquil. Participou nas eleccións de 1936 e apoiou o Estatuto de Autonomía. Buscaba modernizar o campo e integrar a comarca nun proxecto democrático máis amplo.
A personalidade de Domínguez transcende o ámbito local e comarcal. Que lle parece máis relevante desta actividade e do seu contacto coas grandes figuras culturais da Galiza?
A súa personalidade transcende o local. Domínguez converterse nos anos 30 no mecenas do nacionalismo galego. Apoiou ao Partido Galeguista política e economicamente, financiou a escola de Santiago de Lousada e colaborou coas Mocidades Galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos, promoveu proxectos culturais como o Codex Calixtinus ou o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae, impulsou o grupo coral Aires da Montaña e contribuíu á prensa agraria. A súa relación con Castelao, Otero Pedraio, Ben-Cho-Shey, Vilar Ponte ou Risco sitúao no centro do renacemento cultural galego.
Francisco Domínguez é unha figura poliédrica. Empresario, activista e filántropo, que destacaría desta faceta e do seu compromiso coas xentes da Barrela e Carballedo?
Como filántropo deixou unha pegada tanxíbel en escolas, electrificación, auga potábel, camiños, recursos médicos e a casa do concello. Foi presidente de honra de asociacións de pais e mestres, mostrando unha preocupación estrutural pola educación, sanidade e infraestruturas. A súa filantropía foi transformadora, orientada ao progreso duradeiro.
O seu avó foi vítima do franquismo e morreu no exilio en Cuba. Que significou esta última etapa e a represión que padeceu?
A guerra civil truncou o seu proxecto vital. Identificado co galeguismo e a causa republicana, sufriu a represión e tivo que exiliarse en Cuba, onde morreu en 1937. A súa morte simboliza a fractura que a guerra supuxo para unha xeración comprometida coa autonomía e a democracia galega.
A emigración adoita verse como fenómeno demográfico ou económico, pero o seu impacto político, cultural e social aínda non se comprende plenamente. É sorprendente a magnitude do que aínda queda por estudar sobre un proceso que moldeou profundamente a Galiza contemporánea.