Descobren 50 novos petróglifos en Compostela

Lixo a carón do petróglifo de Devesa da Rula, en Villestro

Laxes con motivos naturalistas e xeométricos, labirintos, covas, círculos e outros máis complexos, que eran descoñecidos na comarca de Compostela, como escenas de caza e equitación forman parte do repertorio iconográfico da Idade do Bronce que vén de inventariar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Os concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión procuran financiamento para crear un centro de interpretación comarcal da arte rupestre.

Medio cento destas novas estacións rupestres concentradas en Santiago, Ames, Brión e Teo contan xa con inventario, catalogación e delimitación planimétrica. Esta intervención foi dirixida polo arqueólogo Mario César Vila e contou coa colaboración da Asociación Cultural Colectivo A Rula. O orzamento deste traballo financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria foi de 9.225 euros.

 

O groso dos traballos centrouse nas tarefas de prospección, revisión e documentación sobre 85 estacións con gravados rupestres. No concello de Santiago catalogáronse un total de 43 estacións rupestres inéditas, en Ames documentáronse 7, en Teo 13 e en Brión 2, alén de se adoptaren medidas correctoras urxentes sobre un petróglifo catalogado.

 

Con anterioridade, no mes de maio do 2016, Patrimonio Cultural realizara traballos de limpeza e documentación para a posta en valor dun petróglifo de Monte Castelo e do control da retirada da vexetación na contorna do gravado da Peneda Negra, no concello de Ames.

 

Con estes traballos, que contaron cun orzamento de 5.178 euros, facilítase a futura conservación e visita dos gravados, ben como unha proposta de criterios básicos en materia de seguridade visando a previsión de riscos nas visitas, que teñen difícil acceso.

 

Máis protección

 

Nun dos conxuntos rupestres de Villestro, en Santiago de Compostela, producíronse recentemente estragos no transcurso de labores de roza e limpeza da contorna, do mesmo xeito que unha escavadora deixou marcas no lugar onde se atopa o petróglifo de Agra do Campo. O PP levou ao último Pleno de Santiago de Compostela unha iniciativa para que o Concello emprenda accións “para protexer e dar a coñecemento xeral estes xacementos artísticos”. Reclamaba tamén a completa sinalización sobre o terreo con información dos propios gravados.

 

O PP compostelán cuestionou “as dificultades para atopar as estacións e apreciar os gravados, sen ningún tipo de referencia, rodeados pola maleza e mesmo por lixo” e puxo de exemplo un lugar emblemático como a Devesa da Rula, na parroquia de Villestro. “A pesar da aparente dureza do seu soporte, estes gravados resultan moi fráxiles, posto que se ven ameazados polos perigos dos incendios forestais e tamén pola acción humana, case sempre vítimas do descoñecemento e da falta de información”, sostén o grupo popular. “É por iso polo que precisan dunha especial protección que garanta a súa conservación e a súa posta en valor”, engadiu o portavoz Agustín Hernández.

 

Pola súa parte, o concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte destacou no Pleno que o Concello de Santiago se comunicou coas persoas propietarias dos terreos onde se encontran estes novos petróglifos inventariados pola Xunta e tamén da coroa de 6 metros de perímetro de protección. “Houbo unha notificación a máis de 60 propietarios, varios deles a través do Boletín Oficial da Provincia porque algúns eran descoñecidos, para lles pedir autorización para limpar eses petróglifos”, explicou. A proposta agora é, segundo anunciou, procurar financiamento para facer un centro de interpretación comarcal da arte rupestre de Compostela.

 

 

Fotos interiores: (1). Lixo a carón do petróglifo de Devesa da Rula, en Villestro e (2). Maleza e marcas de escavadora sobre un gravo en Villestro. Ambas facilitadas polo PP.