Descobren 50 novos petróglifos en Compostela

Laxes con motivos naturalistas e xeométricos, labirintos, covas, círculos e outros máis complexos, que eran descoñecidos na comarca de Compostela, como escenas de caza e equitación forman parte do repertorio iconográfico da Idade do Bronce que vén de inventariar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Os concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión procuran financiamento para crear un centro de interpretación comarcal da arte rupestre.

Lixo a carón do petróglifo de Devesa da Rula, en Villestro
photo_camera Lixo a carón do petróglifo de Devesa da Rula, en Villestro

Medio cento destas novas estacións rupestres concentradas en Santiago, Ames, Brión e Teo contan xa con inventario, catalogación e delimitación planimétrica. Esta intervención foi dirixida polo arqueólogo Mario César Vila e contou coa colaboración da Asociación Cultural Colectivo A Rula. O orzamento deste traballo financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria foi de 9.225 euros.

O groso dos traballos centrouse nas tarefas de prospección, revisión e documentación sobre 85 estacións con gravados rupestres. No concello de Santiago catalogáronse un total de 43 estacións rupestres inéditas, en Ames documentáronse 7, en Teo 13 e en Brión 2, alén de se adoptaren medidas correctoras urxentes sobre un petróglifo catalogado.

Con anterioridade, no mes de maio do 2016, Patrimonio Cultural realizara traballos de limpeza e documentación para a posta en valor dun petróglifo de Monte Castelo e do control da retirada da vexetación na contorna do gravado da Peneda Negra, no concello de Ames.

Un dos novos petróglifos inventariados en CompostelaCon estes traballos, que contaron cun orzamento de 5.178 euros, facilítase a futura conservación e visita dos gravados, ben como unha proposta de criterios básicos en materia de seguridade visando a previsión de riscos nas visitas, que teñen difícil acceso.

Máis protección

Nun dos conxuntos rupestres de Villestro, en Santiago de Compostela, producíronse recentemente estragos no transcurso de labores de roza e limpeza da contorna, do mesmo xeito que unha escavadora deixou marcas no lugar onde se atopa o petróglifo de Agra do Campo. O PP levou ao último Pleno de Santiago de Compostela unha iniciativa para que o Concello emprenda accións “para protexer e dar a coñecemento xeral estes xacementos artísticos”. Reclamaba tamén a completa sinalización sobre o terreo con información dos propios gravados.

O PP compostelán cuestionou “as dificultades para atopar as estacións e apreciar os gravados, sen ningún tipo de referencia, rodeados pola maleza e mesmo por lixo” e puxo de exemplo un lugar emblemático como a Devesa da Rula, na parroquia de Villestro. “A pesar da aparente dureza do seu soporte, estes gravados resultan moi fráxiles, posto que se ven ameazados polos perigos dos incendios forestais e tamén pola acción humana, case sempre vítimas do descoñecemento e da falta de información”, sostén o grupo popular. “É por iso polo que precisan dunha especial protección que garanta a súa conservación e a súa posta en valor”, engadiu o portavoz Agustín Hernández.

malezanopetroglifodevillestroPola súa parte, o concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte destacou no Pleno que o Concello de Santiago se comunicou coas persoas propietarias dos terreos onde se encontran estes novos petróglifos inventariados pola Xunta e tamén da coroa de 6 metros de perímetro de protección. “Houbo unha notificación a máis de 60 propietarios, varios deles a través do Boletín Oficial da Provincia porque algúns eran descoñecidos, para lles pedir autorización para limpar eses petróglifos”, explicou. A proposta agora é, segundo anunciou, procurar financiamento para facer un centro de interpretación comarcal da arte rupestre de Compostela.

Fotos interiores: (1). Lixo a carón do petróglifo de Devesa da Rula, en Villestro e (2). Maleza e marcas de escavadora sobre un gravo en Villestro. Ambas facilitadas polo PP.

Comentarios