Cunqueiro renace en Mondoñedo: unha casa para todos os galegos e as galegas
Casa Museo de Álvaro Cunqueiro / Praza da Catedral, nº13, Mondoñedo (A Mariña).
Sempre paga a pena visitar Mondoñedo e perderse polo seu centro histórico, unha das xoias do turismo literario galego. Un dos seus lugares imprescindíbeis é a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, situada na Praza da Catedral, no corazón da cidade episcopal. Este edificio de tres alturas foi residencia do escritor desde aproximadamente 1949 até 1962, e aquí viron a luz obras fundamentais da literatura galega como Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, Las mocedades de Ulises ou Escola de menciñeiros.
O edificio foi residencia do escritor desde 1949 até 1962
A casa foi inaugurada como museo en 2019, tras unha rehabilitación integral que respectou a súa estrutura e espírito orixinal. A planta baixa conserva o acceso desde os soportais e acolle a recepción e zona de atención ao visitante. Neste nivel tamén funciona unha taberna integrada ao museo, evocando o ambiente acolledor que rodeaba a Cunqueiro. No primeiro andar comeza o percorrido polo universo creativo do autor, con espazos que introducen o visitante nos mundos imaxinarios da súa narrativa, como os de Merlín ou os menciñeiros. Aquí tamén se conservan parte da antiga cociña e elementos domésticos que falan da vida cotiá do escritor.
O segundo andar está dedicado aos distintos xéneros que cultivou Cunqueiro: a narrativa, a poesía, o teatro e o xornalismo. A través de paneis, vitrinas e materiais audiovisuais, o visitante pode afondar na súa obra e na súa relación co tempo e coa terra. Atópase tamén aquí o restaurante, desde onde se accede ao antigo xardín eás hortas que o escritor contemplaba a diario.
No faiado, o terceiro andar, recréase o seu despacho, co mobiliario orixinal, a súa máquina de escribir e a fiestra desde a que albiscaba o bosque de Silva. Este espazo íntimo permite mergullarse na mente do fabulador, entre libros, obxectos persoais e fragmentos da súa voz.
A Casa Museo combina o respecto pola memoria cunha proposta museográfica viva, deseñada para achegar a figura de Cunqueiro a novas xeracións. Ademais, ao longo do ano, acolle exposicións temporais e actividades culturais. Pode visitarse polo prezo de un euro de terzas feiras a domingos en horario de 10 a 14 horas e polas tardes de 16h a 19h.
A década de 1950: unha época crucial
Pouco a pouco vaise atopando con vellos amigos de Compostela, como García Sabell, Ramón Piñeiro ou Otero Pedraio. Moitos estarán no xerme do nacemento da Editorial Galaxia, con Francisco Fernández del Riego como unha das cabezas visíbeis. Cunqueiro recobrará o lugar de privilexio nas letras galegas do que se vira apartado tras a guerra.
A historia da casa: pegadas medievais
A arquitectura da antiga casa de Cunqueiro garda pegadas medievais e da cimentación romana, con frescos do gótico tardío, con motivos xeométricos e florais, que lle engaden valor histórico. O deseño do espazo deixa á vista elementos de distintas épocas do mesmo modo que o autor mindoniense referenciaba a literatura clásica, medieval ou contemporánea.
Taberna Galiana: grastronomía e cultura
A Taberna Galiana, situada na Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, celebrou este verán o seu segundo aniversario cunha programación especial de música e teatro na súa horta-xardín. O establecemento, recoñecido agora cun Solete da Guía Repsol, combina gastronomía local e cultura nun espazo íntimo fronte á catedral mindoniense. A iniciativa reflicte a aposta pola dinamización da Casa Museo máis aló do ámbito expositivo, ofrecendo unha experiencia singular que mestura memoria literaria, creación escénica e vida social. Así, Galiana consolídase como referente cultural na Mariña e homenaxea o libro inédito de Álvaro Cunqueiro.