Lupe Martínez, investigadora: "A coruñesa foi a zona máis combativa do país"

A investigadora Lupe Martínez no Culturgal, na fin de semana (Foto: Antón Mascato).
Autora de Coa man armada, a súa primeira achega á guerrilla, Lupe Martínez, 16 anos despois, publica Guerrilleir@s antifranquistas da provincia da Coruña (Galaxia), centrada no inventariado dos homes e mulleres que se botaron ao monte e na que ofrece máis de 300 fichas de “guerrilleiros” e "fuxidos" e centos de documentos.

—De primeiras sorprende a decisión de enfrontar esta investigación dividindo o país en provincias, considerando que houbo movementos da guerrilla que traspasaron os lindes provinciais e mesmo xente que non sendo nacida en territorio da provincia da Coruña, actúan nela con intensidade... Como explica o seu criterio?
A miña pretensión era trazar unha historia da guerrilla organizada máis aló das protopartidas na zona máis combativa do país, que foi a provincia da Coruña, recoñecido até polos detractores da guerrilla, como o xeneral da Garda Civil e historiador Francisco Aguado Sánchez, e facelo a través das biografías dos seus protagonistas.
A idea é que cada quen saque as súas conclusións, ou a súa visión de conxunto, grazas a esas historias vitais, algunhas bastante completas e outras, lamentabelmente, menos. De non acoutar no espazo, no tempo ou en función dos ítems escollidos, a historia podería desbordarse e, de feito, ocorre. Son consciente de que as referencias espaciais son imprecisas e difusas, ao final recóllense feitos acaecidos noutras provincias e biografías de homes que non desenvolveron a súa militancia maioritariamente na Coruña.

A pesar de viaxar deseguido a Lugo, Ourense ou Pontevedra, non acoutar no espazo implicaría que nunca puidese parar. Este volume e esta idea ten este punto localista, mais deixa abertas moitas portas, entre elas, a de facer o mesmo no resto do país.

— Neste traballo estuda só os homes e as mulleres que participaron en accións armadas, a xente chamada "do alto", ou detense tamén naqueles que se botaron ao monte sen chegaren a coller armas ou mesmo nas que colaboraron desde o que demos en chamar "a chaira", tamén sen intervención directa na resistencia coas mans armadas?
As e os enlaces da guerrilla teñen por forza que estar presentes; ningún traballo que pretenda ser serio pode obvialos. Están, mais o fenómeno da colaboración coa guerrilla do alto merece un traballo propio, sólido e minucioso que analice as súas características e vicisitudes e, na medida do posíbel, consiga identificalos dándolles nome e entidade propia. Por iso non vou dicir que este traballo versa sobre eles porque non quero rebaixalos a seren comparsas dos combatentes armados. Teñen que estar e están, pois non reparo en nomealos sempre que me é posíbel: desde a identificación que fai o propio Foucellas dos seus colaboradores até os innumerábeis enlaces xulgados tras a morte de Manuel Ponte, pasando por concrecións máis precisas como a identidade dos enlaces que acolleron Manuel Díaz Pan tras caer ferido despois do encontro que acaba coa vida de Marrofer, Elisardo Freijo e José Doldán. 

—Cales son as causas principais da progresiva deriva de desgaste do movemento guerrilleiro: cansazo, infiltracións, renuncias, desencontros políticos, contrapartidas das forzas represivas...?
Si, é un pouco de todo iso. A inacción das potencias occidentais foi un duro golpe, evidentemente: sen a esperanza da intervención estranxeira a posibilidade dun levantamento armado do pobo tornábase irrealizábel. Sen unha meta clara e relativamente realista, se temos en conta o devir da II Guerra Mundial e a suposta liberación do xugo fascista que ansiaban, a loita guerrilleira perde a súa razón de ser. Só lles queda procuraren a supervivencia, tentaren salvar a vida por saberse obxectivo prioritario das forzas represivas. O réxime, unha vez que se sentiu forte, premeu o acelerador para liquidar dunha vez o movemento guerrilleiro: incrementou a presión sobre os colaboradores, potenciou as infiltracións, as delacións e subornos, promoveu as contrapartidas....

Cortaron o cordón umbilical dos homes do monte co mundo real: afastaron deles a xente do común que tanto os amparara. Sen redes de solidariedade, sen obxectivos, perseguidos, traizoados... a guerrilla esmoreceu sen remedio.

O papel do PC na dirección

Teñamos a ideoloxía que teñamos, non podemos negar que o papel do Partido Comunista na guerrilla foi absolutamente principal, e é antihistórico tentar reescribir a historia substituíndo a importancia do PCE por outras correntes; temos un exemplo paradigmático aquí na Galiza con José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Comunistas de probada fidelidade, coa súa chegada a guerrilla vive un desenvolvemento inédito. Efémero, ben é certo, pero é que a falta de apoios e o poder do rival facía case imposíbel que tivera outro final.

Na guerrilla non só había comunistas; penso que para non ferir susceptibilidades, entrar en controversia e tampouco faltar á verdade, sería mellor falar de demócratas ou antifascistas, que iso érano practicamente todos, pero se queremos fiar máis fino temos que ter en conta que tamén había socialistas, republicanos ou anarquistas.