Día da Galiza Mártir

O BNG reivindica en Pontevedra un recoñecemento “sen ambigüidades” da figura de Alexandre Bóveda

Acto de homenaxe do BNG polo Día da Galiza Mártir, esta quinta feira, 17 de agosto, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Os nacionalistas instaron o PP a “posicionarse claramente en favor das vítimas” do franquismo

A praza de Curros Enríquez de Pontevedra acolleu esta quinta feira, 17 de agosto, o acto co que o BNG rende homenaxe á Galiza Mártir, data central do calendario da memoria histórica galega e na honra do fusilado Alexandre Bóveda.

Na voz do alcalde de Soutomaior e integrante da Executiva Nacional do BNG Manuel Lourenzo, a formación nacionalista defendeu o legado do galeguista e subliñou que hai que reivindicar a súa figura “sen ambigüidades”, criticando o PP por revisar a historia con equidistancia e discursos asimilábeis á ultradereita, desnaturalizando o sentido da celebración, da obra do político e os motivos do seu asasinato.

Lourenzo, partindo da carta de despedida escrita por Bóveda nas horas previas á súa morte, salientou que o de Poio é unha figura de referencia actual que require un recoñecemento sen ambigüidades da súa loita política e a de todos os homes e mulleres que coma el sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español.

O rexedor da vila veciña de Soutomaior criticou o Partido Popular e a súa participación no acto decorrido na mesma xornada na Caeira e organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio. Lourenzo cualificouno como “branquear e revisar a historia con posturas asimilábeis ao que está a facer a ultradereita, que non é algo de recibo”.

Lembrou Lourenzo que o PP na Galiza nega as políticas de memoria histórica e pretende derrogar a Lei de Memoria democrática no Estado mentres noutras autonomías a coalición con Vox pretende fulminar calquera actividade de recoñecemento das vítimas, polo que cualificou de “dobre cara” que o conselleiro Román Rodríguez asistira esta quinta feira á celebración por vez primeira.

 “Se a figura de Bóveda chegou a nós foi porque a verdade triunfou sobre a mentira. Non podemos permitir que a vida de Bóveda sexa dobremente asasinada: fisicamente no seu momento e agora enterrada nunha historia revisada e parte da mentira”, insistiu o nacionalista.

Neste sentido, instou o PP a “posicionarse claramente en favor das vítimas” e apoiar a iniciativa que o BNG presentou no Parlamento galego para institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir para “honrar a todas as persoas perseguidas e asasinadas ou vítimas do cárcere, vexacións ou o exilio, crear uns galardóns de recoñecemento a entidades de memoria histórica e anular todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura”.

Os principios de Bóveda “seguen vixentes”

Pola súa parte a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, falou destacando que teñen pasado oitenta e sete anos despois do asasinato de Bóveda, “mais os principios, a coherencia e a loita por procurar unha sociedade xusta, igualitaria e avanzada, seguen vixentes na actualidade”, lembrando o seu compromiso coa Galiza como redactor do Estatuto, como impulsor e alma mater do Partido Galeguista e tamén co avance económico e social do país.

A representante de Galiza Nova, Irea Ferreiro, pola súa banda, fixo na súa intervención un repaso do que significou a morte de Bóveda e o seu contexto para a mocidade “como a faísca que iniciou que a xente moza tomase consciencia e mantivera viva a loita pola que o mataron”. “Esa loita chegou até hoxe en día para que a súa memoria se siga a recordar por parte de Galiza Nova e a mocidade nacionalista siga na liña do que loitou a súa xeración”, insistiu.