O BNG impulsa en Betanzos a retirada de honras a figuras ligadas ao franquismo
O BNG de Betanzos levou ao pleno unha iniciativa, aprobada co seu apoio e o do PSOE, para retirar as honras e distincións concedidas a figuras da ditadura franquista na localidade. Así, a formación nacionalista lembrou a necesidade de aplicar a Lei 20/2022, coñecida como Lei de Memoria Democrática, aprobada para dar resposta a parte das demandas históricas dos colectivos memorialistas, aínda que consideran que segue sen facer plena xustiza ás vítimas do franquismo.
O concelleiro do BNG en Betanzos, Salvador González, sinalou que “en pleno 2026 non se pode permitir que se manteñan honras tan relevantes como a Medalla de Prata nin que o noso rueiro inclúa nomes como Juan Jesús García Iribarne, José Fariña Ferreño ou Manuel Fraga Iribarne”. Segundo indicou, trátase de persoas que “participaron na preparación do golpe de Estado, ocuparon cargos de relevancia na ditadura ou estiveron vinculadas ao espolio do Pazo de Meirás”.
Desde o BNG subliñaron que xa son numerosas as vilas e cidades —como A Coruña, Ferrol, Pontedeume ou As Pontes— que avanzaron na retirada destas distincións, dando pasos na recuperación da memoria democrática. Neste contexto, González insistiu en que “é necesario convocar a comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións para retirar estes recoñecementos e cumprir coa legalidade vixente”.
Así mesmo, a formación nacionalista lembrou que continúa pendente a execución dun acordo plenario aprobado hai anos para instalar un memorial no antigo cuartel da Garda Civil de Betanzos —actual Museo das Mariñas—, en lembranza de Benigno Andrade, coñecido como O Foucellas, un dos guerrilleiros antifascistas máis destacados da comarca, que foi alí detido e torturado.
